O Salón Teatro acolle a preestrea do último filme de Margarita Ledo, ‘Prefiro condenarme’, rodado con apoio da Xunta
O novo traballo da cineasta galega recibiu unha axuda do Goberno galego de 80.000 € na convocatoria de subvencións á produción audiovisual de 2023
A fita chegará aos cines mañá 22 de novembro, despois da súa estrea mundial no Festival de Cine Europeo de Sevilla, onde colleitou unha mención especial do xurado
Trátase dunha obra de non ficción, que conta con actrices como Melania Cruz, Iria Pinheiro ou Mónica Camaño para recrear a historia real de Sagrario Ribela Fra, unha mariscadora xulgada por adulterio en 1972, quen tamén participa na película
O festival Cineuropa acolleu hoxe a preestrea da sexta longametraxe da directora Margarita Ledo Andión, Prefiro condenarme, filmada co apoio da Xunta de Galicia a través dunha axuda de 80.000 euros á produción audiovisual na convocatoria do pasado ano e que aborda a historia de Sagrario Ribela Fra, mariscadora ferrolá xulgada por adulterio en 1972.
O evento, que tivo lugar no Salón Teatro de Santiago de Compostela, contou coa asistencia do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen acompañou o equipo da película na véspera da súa chegada ás salas comerciais, programada para mañá venres 22, en datas previas ao Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller.
Producida por Nós Produtora Cinematográfica Galega e distribuída por Atalante, trátase dunha obra de non ficción na que a realizadora lle dá continuidade a unha liña de traballo que contribúe á construción dun novo canon cinematográfico, poñendo no centro de atención cuestións de xénero e que nesta ocasión trata os delitos específicos femininos en tempos da ditadura franquista. O proxecto, que fora seleccionado na súa fase de desenvolvemento pola sección First Look do pasado Festival de Locarno, tivo a súa estrea mundial no Festival de Cine Europeo de Sevilla, onde colleitou unha mención especial do xurado na sección Las Nuevas Olas.
Unha nova Antígona
En Prefiro condenarme o público coñecerá a historia de mil caras da protagonista, unha mariscadora da ría de Ferrol que é xulgada por adulterio por mor dunha filla que ten co seu amante. Cun guión escrito pola propia Margarita Ledo xunto á poeta Eva Veiga, o filme preséntase “como unha nova Antígona que se libera e renuncia á caverna”. Sagrario oponse á norma e co seu acto reclama o divorcio, converténdose na primeira muller en logralo na cidade, onde deberá desafiar o rol de subalterna. Aínda que os temas da violencia, o maltrato, a falta de dereitos e un ambiente tóxico están presentes, a directora defende que estamos en realidade diante dunha historia que trata do amor, o desexo, a desobediencia e a clase social.
A protagonista real do suceso, Sagrario Ribela Fra, que agora interpreta esta produción canda o seu fillo primoxénito, Nardo Beceiro Ribela, as actrices Melania Cruz, Mónica Camaño e Iria Pinheiro, o xornalista e poeta Antón Lopo. As colaboracións especiais de Mónica de Nut e Zé Paredes completan o elenco. A dirección de fotografía correu a cargo de Alberte Branco AEC, a música é de Carme Rodríguez, a montaxe de Clara G. Nieto, a responsable de documentación é María Soliña Barreiro, da dirección de arte encargouse Carme Triñanes e da produción executiva Olaia Ledo Díaz.