O programa de talento musical 'Sonidos Mans' pecha a segunda edición durante a que apoiou cinco bandas emerxentes
A Fundación Paideia conta coa colaboración da Agadic para o desenvolvemento deste concurso, que lles ofreceu aos grupos gañadores a posibilidade de tocar en varios festivais galegos e de gravar un tema e un vídeo nos Estudios Mans da Coruña
As formacións pontevedresas Inerttes e La Cloaka Sound & J.C.A. foron seleccionadas xunto a The Niftys (Albacete), The Dawlins (Madrid) e Doña (Navarra) entre as 330 propostas recibidas
Sonidos Mans, o programa de apoio ao talento musical organizado pola Fundación Paideia Galiza coa colaboración da Agadic, acaba de pechar a súa segunda edición, durante a que cinco bandas emerxentes tiveron a oportunidade de tocar en diferentes festivais galegos de verán, así como de gravar un tema e un vídeo nos Estudios Mans da Coruña.
Os grupos pontevedreses Inerttes e La Cloaka Sound & J.C.A. foron elixidos xunto a The Niftys (Albacete), The Dawlins (Madrid) e Doña (Navarra) para participar nesta iniciativa como gañadores do concurso ao que se presentaron 330 propostas de toda España.
O Son do Camiño, PortAmérica, Vive Nigrán, Atlantic Fest, SinSal Son Estrella Galicia, Revenidas, O Marisquiño e Festival de la Luz foron os oito eventos colaboradores desta segunda edición e os encargados de seleccionar que bandas, de entre 25 finalistas, formarían parte da súa programación. Nunha fase previa, a xornalista musical Paula Quintana, directora e presentadora do programa Capitán Demo de Radio 3, encargouse de elixir 50 propostas entre as 330 presentadas, principalmente de Galicia (134), Madrid (60), Andalucía (33) e Cataluña (26).
A continuación, abriuse unha fase pública na plataforma www.sonidosmans.com, a través da que se emitiron preto de 50.000 votos que decidiron as 25 bandas emerxentes propostas aos festivais. Finalmente Inerttes foron elixidos por PortAmérica e Vive Nigrán, La Cloaka Sound & J.C.A. por O Marisquiño; The Niftys por O Son do Camiño e Atlantic Fest; The Dawlins por Revenidas e Festival de La Luz; e Doña por Sinsal.
Esta iniciativa de apoio a formacións e artistas emerxentes enmárcase na liña de colaboración que a Agadic mantén coa Fundación Paideia-Estudios Mans co obxectivo de poñer en valor o emprendemento e a creatividade no ámbito musical. Neste caso, dándolle a oportunidade ás bandas gañadoras de Sonidos Mans de gravar nun estudio profesional e de compartir cartel con grandes figuras internacionais.