O programa de formación e emprendemento cultural ‘Sarria<30’ desenvolverase en maio na comarca co apoio da Xunta
Recoñecidos profesionais do sector impartirán en todos os concellos laboratorios sobre xestión de eventos musicais, danza contemporánea, patrimonio inmaterial ou relación entre cultura e turismo, entre outras temáticas
A comarca de Sarria acollerá no mes de maio a iniciativa de formación e emprendemento cultural Sarria<30, apoiada pola Xunta no marco do programa de axudas Territorio Cultura.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación do proxecto xunto con representantes da entidade promotora, Ouvirmos SL; e a directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, entre outras persoas.
A programación inclúe unha serie de laboratorios que contarán con recoñecidos profesionais do sector. Serán abertos a todos os públicos, aínda que están especialmente orientados á mocidade darredor de 30 anos.
As accións están enfocadas a favorecer a transferencia de coñecementos entre os asistentes, xerar redes e identificar oportunidades de emprendemento no ámbito cultural.
Programa
En canto ao calendario previsto, O Incio albergará o 2 de maio un laboratorio sobre xestión de eventos musicais impartido pola presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais, Patricia Hermida. En Sarria, o dramaturgo e profesor da Escola Superior de Arte Dramático Ernesto Is dirixirá os sábados 2 e 9 dúas sesións de teatro, a primeira delas enfocada especialmente á diversidade e a inclusión.
En Láncara experimentarase coa danza contemporánea o domingo 10 da man da directora da compañía Pisando Ovos, Rut Balbís. Pola súa banda, Paradela albergará o sábado 16 unha xornada sobre literatura, rutas e certames, conducida por Manuel Bragado, editor e referente do sector literario en Galicia.
Tamén haberá espazo para o canto e o baile tradicional, con senllos talleres no Páramo -o sábado 16 - e Samos – o sábado 23 -. O de canto estará guiado polo artista Davide Salvado e o de baile por Chus Caramés e Ruth Pérez, ambas expertas na disciplina e recoñecidas polo seu traballo de recuperación, difusión e ensino da danza galega. No que respecta a Triacastela, o especialista en dinamización territorial e turismo cultural Manuel Gago afondará na relación entre cultura e turismo o sábado 23.
Por último, Sarria acollerá o sábado 30 un evento central na Praza de Abastos que contará con entrevistas abertas, mesas de debate, exposicións e diferentes actividades participativas.
Arias destacou que o programa Territorio Cultura responde ao obxectivo da Xunta de “achegar as actividades culturais a todos os lugares”, en liña con outras accións como o programa O Teu Xacobeo, que despois do éxito da anterior edición foi convocado novamente este ano de cara á celebración do 2027. O prazo para presentar proxectos xa está aberto a través da sede electrónica da Xunta.