O programa de axudas ao audiovisual galego suma en 2025 nove convocatorias cun investimento de máis de 6,8 M€
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude eleva ao Consello un informe sobre as liñas de subvencións a este sector, que destaca o retorno económico de 21,6 M€ que xerou en 2024 a destinada á atracción de rodaxes a Galicia
Autorízase a próxima publicación deste fondo para promover a filmación de longametraxes e series na nosa Comunidade cunha dotación de 2,2 M€, que supón un incremento do 10% respecto do ano pasado

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude elevou ao Consello da Xunta o Informe das liñas de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais no ámbito audiovisual co estado actual e a información máis salientable de cada unha das nove convocatorias deste ano 2025, que suporán un investimento directo no sector de 6,84 millóns de euros.
O documento pon o foco no retorno económico de 21,6 M€ e máis de 647 empregos, en cómputo anual equivalente a tempo completo, que tiveron en 2024 as axudas destinadas especificamente á atracción de rodaxes á nosa Comunidade. A través delas, apoiouse a filmación en diferentes localizacións galegas de seis películas e series, entre as que se atopa Romería, o filme co que Carla Simón acaba de obter unha grande acollida no festival de Cannes (Francia).
En resposta a estes resultados, obtidos por un equipo de investigación da Universidade de Santiago, e segundo os que cada euro investido pola Xunta nestes filmes xera 12 euros na actividade económica da nosa Comunidade, o Executivo galego deulles tamén hoxe o visto e prace ás bases da convocatoria de 2025 destas subvencións para a realización de rodaxes cunha dotación de 2.200.000 euros, un 10 % máis que en 2024.
Cofinanciadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, o seu obxectivo é favorecer a proxección da nosa Comunidade como escenario de destacadas producións audiovisuais, encabezadas tanto por empresas de aquí como do resto de España e Europa
As axudas de ata 350.000 euros que recibirán as empresas beneficiarias implicarán obrigatoriamente un gasto mínimo en Galicia de 1.000.000 euros para longametraxes e de 1.300.000 euros para series no caso das produtoras galegas e de 1.500.000 euros no das foráneas. Ademais, os proxectos subvencionados deben desenvolver un mínimo de 20 días de rodaxe en localizacións galegas e destinar cando menos un 40 % do seu orzamento subvencionable a gastos de persoal tamén realizados en Galicia.
Con estes requirimentos, estímase que o impacto económico desta nova edición do fondo para a captación de rodaxes situarase desta volta arredor dos 24 M€.
Fomentar a solvencia e a calidade
A finalidade do conxunto das liñas que lle dan forma ao programa anual de axudas a este sector é facilitarlles ás empresas e profesionais un impulso económico que lles permita afrontar con solvencia e calidade os momentos clave do proceso audiovisual, que van desde o xermolo creativo ata a chegada ás pantallas de longas e curtametraxes cinematográficas, series e películas para televisión e plataformas, e videoxogos.
Das nove convocatorias previstas este ano, nestes momentos xa están publicadas e resoltas as destinadas á organización de festivais (300.000 euros), a laboratorios, incubadoras e residencias audiovisuais (180.000 euros) e ao desenvolvemento do sector dos videoxogos (150.000 euros), mentres que a liña para a comercialización e difusión en foros de negocio e eventos especializados (70.000 euros) permanece aínda aberta tras dúas primeiras quendas de adxudicacións.
Pola súa banda, atópanse en proceso de resolución as subvencións para produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos (3.000.000 euros) e para a promoción do talento audiovisual (176.000 euros), mentres que as tres restantes serán convocadas proximamente: ademais das destinadas a rodaxes, tamén se publicarán este ano as dirixidas a salas comerciais de exhibición cinematográfica (465.000 euros) e a desenvolvemento de proxectos (300.000 euros).
- Imaxe: Rodaxe de Romería, de Carla Simón, na cidade de Vigo