O produtor de 'La isla mínima' abre o novo ciclo de Parladoiros Audiovisuais da Agadic
José Antonio Félez protagoniza este venres na Cidade da Cultura a primeira sesión desta iniciativa, inserida no programa de formación continua Galicia ProFilme
De entrada libre ata completar a capacidade, esta xornada articularase como unha charla conducida por Antón Reixa na que o convidado compartirá a súa experiencia á fronte de grandes producións como a serie La peste
José Antonio Félez, produtor da premiada La isla mínima, entre outras coñecidas películas, será o protagonista este venres 23 en Santiago da primeira sesión dos Parladoiros audiovisuais, un novo ciclo que pon en marcha a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) dentro do seu programa de formación continua Galicia ProFilme.
Este parladoiro inaugural, programado ás 12,00 h. na Sala Eisenman da Cidade da Cultura de Galicia, consistirá nunha charla-master class con José Antonio Félez, de Atípica Films, quen compartirá cos asistentes a súa experiencia á fronte de grandes producións audiovisuais, como a recente serie La peste, de Movistar+, dirixida por Alberto Rodríguez. O convidado será presentado polo director da Agadic, Jacobo Sutil, e a charla será conducida e moderada polo produtor, director, escritor e músico Antón Reixa.
Os Parladoiros audiovisuais incorpóranse ao programa Galicia ProFilme da Xunta co obxectivo de poñer en contacto a profesionais do sector audiovisual galego e estudantes de Comunicación Audiovisual con expertos de referencia, tanto estatal como internacional, en diferentes ámbitos desta industria.
O seu primeiro convidado é un excelente exemplo de produtor vocacional e do seguimento do talento. Ao seu traballo débese a consolidación de directores como Alberto Rodríguez, co que Atípica Films produciu La peste, El hombre de las mil caras, La isla mínima e Grupo 7, e Daniel Sánchez Arévalo en La gran familia española, Primos e Azuloscurocasinegro, entre outros. Tamén é o responsable da produción da comedia Tenemos que hablar, de David Serrano; El Bola, de Achero Mañas, ou La fuga, de Eduardo Mignogna, citando só algúns dos arredor de trinta títulos que figuran na súa ampla traxectoria.
A entrada para esta sesión é libre ata completar a capacidade da sala.