Share

O Pazo da Cultura de Carballo acolle 13 espectáculos ata abril dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios

A súa programación como parte deste circuíto da Xunta é cofinanciada pola Agadic e o Concello, cun investimento conxunto nestas actuacións de 40.650 euros

A nova carteleira ábrese mañá coa representación de ‘Elisa e Marcela’ por A Panadaría

Impulsada pola Consellería de Cultura en colaboración coas entidades locais asociadas, a Rede ofrecerá ata xuño 346 actuacións en 37 municipios

O Pazo da Cultura de Carballo acolle 13 espectáculos ata abril dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios

Elisa e Marcela, unha coprodución de A Panadaría co Centro Dramático Galego que conta a historia das dúas mulleres que en 1901 formaron na Coruña o primeiro matrimonio homosexual do Estado, é a encargada de abrir mañá, ás 20,30 h, a carteleira que a Rede Galega de Teatros e Auditorios lle ofrecerá ao público de Carballo ata finais de abril.
Como parte deste circuíto, xestionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) en colaboración coas entidades locais asociadas, o Pazo da Cultura carballés acollerá 13 actuacións de teatro, danza e música, tanto con espectáculos destinados ao público adulto como ao público familiar. O investimento nesta carteleira sitúase en 40.650 euros, achegados pola Agadic e mailo Concello.
 
Entre as propostas da nova carteleira destaca un dos espectáculos que se estrean nesta temporada: Casa O’Rei, co que Ibuprofeno Teatro completa a súa triloxía gastronómica e que poderá verse no Pazo da Cultura o 23 de marzo. A montaxe leva a escena un texto de Santiago Cortegoso, quen propón un xogo escénico e dramatúrxico a partir de O Rei Lear de William Shakespeare, pero aquí ambientado nunha típica casa de comidas galega.
 
Espectáculos para público adulto
Para o público adulto están pensadas tamén outras sete producións que pasarán por Carballo nestes meses. En marzo, Helena: Xuízo a unha lurpia (día 9), unha revisión contemporánea do mito de Helena de Troia a cargo Teatro do Atlántico; e o concerto de De Vacas (16 de marzo), coas súas versións á galega dun amplo abano de estilos musicais.
 
Pola súa banda, o mes de abril concentrará os espectáculos de danza da programación da Rede, dándolle forma á súa vez ao ciclo monográfico Primavera enDanza. O bailarín e mestre Toni Jodar explicará en Una conferencia bailada (día 13) as tendencias actuais da danza, dende a experimentación á relectura das tradicións. A variedade desas tendencias reflíctese tamén no resto das pezas que pasarán por Carballo: en Hollywood (día 20), de Andrea Quintana, a danza e o teatro dialogan co cinema; Toda a beleza do mundo (día 21) é un solo de danza e voz para exterior a cargo de María Move; a peza grupal Now(día 27), da compañía vasca Lasala, inspírase no proceso de renovación física da aguia real americana; e o espectáculo de Janet Novás Si pudiera hablar de esto no haría esto (día 28) formula un diálogo entre a intuición no movemento e o cuestionamento crítico desa intuición.
 
Espectáculos para público familiar
O teatro, a música e a danza tamén conviven na oferta para público infantil. Así, na programación figuran os espectáculos teatrais A galiña azul (11 de marzo), unha peza baseada no conto de Carlos Casares na que Tanxarina mestura monicreques e actores, e Danza da choiva (18 de marzo), de Elefante Elegante, que trata o cambio climático dende a premisa dun mundo no que para de chover para sempre combinando teatro xestual, títeres e danza.
 
A música chega a esta da carteleira familiar con Pitusa Semifusa e os estilos musicais(25 de febreiro), un espectáculo que lle ensina aos máis pequenos o rock, o funky, o reggae e demais xéneros con enerxía e diversión. Por último, as espectadoras e espectadores máis novos poderán desfrutar e aprender coa peza coreográfica Vuelos, de Aracaladanza, inspirada na obra de Leonardo da Vinci e os seus deseños de ás.
 
As funcións de Elisa e Marcela, Pitusa Semifusa e os estilos musicais, Helena: xuízo a unha lurpia, A galiña azul, Danza da choiva e Casa 0’Rei, así como o concerto de De Vacas danlle forma aos denominados Venres Culturais do Pazo da Cultura.
 
Circuíto profesional
A Rede Galega de Teatros e Auditorios é un circuíto de programación escénica que leva funcionando de xeito continuado desde 1996. Trátase do principal mercado interior para as propostas escénicas galegas producidas de xeito profesional e conta cun orzamento para este primeiro semestre de 863.714 euros (448.850 por parte da Agadic e 414.836, das entidades locais titulares dos teatros e auditorios).
 
Esta primeira carteleira de 2018 achegaralles aos espectadores de 37 concellos de toda Galicia 346 actuacións de teatro, danza, música, maxia e circo de 106 formacións artísticas, un 90% delas galegas.
 
A súa programación completa pode consultarse en www.agadic.gal/Axenda e en www.cultura.gal/gl/axenda.