Share

O mellor do cine independente español da temporada recala no Centro Galego de Artes da Imaxe

A directora Meritxell Colell imparte o día 31 unha clase maxistral dentro do ciclo ‘Banda á parte’, que ofrecerá a partir deste martes unha selección de 10 títulos

Visitarán a filmoteca para presentar os seus filmes o último gañador da Concha de Ouro de San Sebastián, Isaki Lacuesta, e o multipremiado realizador galego Eloy Domínguez Serén

O mellor do cine independente español da temporada recala no Centro Galego de Artes da Imaxe

O CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe)-Filmoteca de Galicia inicia este martes unha nova edición do seu xa habitual ciclo Banda á parte, a través do que lle achega ao público galego unha escolma do mellor do cine independente español da temporada. Desta volta, proxectará na súa sede da Coruña dez destacados e premiados títulos de 2018 para dar conta do ano que acaba de rematar. Con tal motivo, visitarán a filmoteca tres dos realizadores incluídos nesta selección (Meritxell Colell, Isaki Lacuesta e Eloy Domínguez Serén) para presentar as súas respectivas fitas.

Ademais, a primeira delas ofrecerá o día 31 a clase maxistral Do persoal ao colectivo. A reescritura constante. Referentes, procesos e materiais de creación, de entrada libre. A realizadora compartirá o proceso de creación da súa primeira longa, Con el viento, historia intimista na que unha bailarina volve á súa vila nun Burgos rural e axuda a súa nai a poñer a casa familiar en venda tras a morte do pai. O drama, que parte de aspectos persoais, filmouse cun guión flexible no que as actrices interviñeron durante a rodaxe. Esta metodoloxía achégalle á película unha frescura que foi aplaudida na súa estrea na Berlinale e que lle valeu a Biznaga ao mellor filme en Málaga, entre outros galardóns.

Isaki Lacuesta
A que quizais sexa a máxima distinción en festivais españois, a Concha de Ouro de San Sebastián, recaeu este ano en Entre dos aguas, de Isaki Lacuesta, continuación doce anos despois de La leyenda del tiempo. O CGAI pasa os dous filmes e convida o realizador a comentalos co público o 5 de febreiro. Neles, cóntase o día a día de dous xitanos que intentan saír adiante na comunidade da Isla de San Fernando na que viven. Contando con actores non profesionais, nenos na orixinal e agora xa adultos, Lacuesta ofrece un retrato realista que renova e refresca o cine social.

A terceira das presentacións deste ciclo será a do galego Eloy Domínguez Serén, quen o 15 de febreiro falará da súa ópera prima, Hamada, coa que obtivo galardóns en festivais como o de Xixón ou o Porto/Post/Doc. Documental rodado ao longo de varios anos de convivencia nunha comunidade saharauí, o director toma como pretexto a figura do automóbil –elemento que move a economía dos campamentos– para retratar as vidas dun grupo de mozos, as súas esperanzas e anhelos.

A programación de Banda á parte, que se estenderá ata o 15 de febreiro, comeza este martes 22 de xaneiro cunha sesión dupla, na que se proxectan Aliens, de Luis López Carrasco, e El viaje de Kioto, de Pablo Llorca. Poderanse ver tamén Niñato, de Adrián Orr, o día 24; El silencio de otros, de Robert Bahar e Almudena Carracedo, o 7 de febreiro; Viaje al cuarto de una madre, de Celia Rico, o día 12; e Mudar la piel, de Ana Schulz e Cristóbal Fernández, o 14 de febreiro.

[Na imaxe, Isaki lacuesta cos actores protagonistas de 'Entre dos aguas']

-Web do CGAI