O Lalín D-Fest ofrece cinco actuacións dentro da programación musical do Xacobeo 21-22 promovida pola Xunta de Galicia
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou na presentación do evento, que terá lugar o día 25 coas actuacións de Delaporte, Delafé, Verto, Ale e Rapariga DJ
Trátase dunha das 17 iniciativas subvencionadas a través da liña extraordinaria de axudas a espectáculos musicais do Plan de reactivación do sector cultural

O Lalín D-Fest anunciou hoxe o cartel dos concertos que desenvolverá o vindeiro día 25 e para o que conta co apoio económico da Xunta a través da convocatoria extraordinaria de subvencións a espectáculos musicais como parte da programación do Xacobeo 21-22. Delaporte e Delafé encabezan o programa, que inclúe tamén as actuacións dos galegos Verto, Ale e Rapariga DJ.O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación deste evento, que terá lugar na véspera da LIII Feira do Cocido da capital do Deza. O acto, no que tamén se deu conta do resto de actividades e festexos vinculados ao evento gastronómico, estivo conducido polo alcalde de Lalín, José Crespo, e nel participaron, así mesmo, Eva Montoto e José Cuñarro, concelleiros de Sanidade e de Festas, respectivamente, ademais de Carlos Montilla, de I-Radia Crea, á fronte da organización do festival.
Como explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, o Lalín D-Fest é un dos festivais subvencionados a raíz da nova convocatoria de axudas para espectáculos musicais do Xacobeo 21-22, a través da que se distribúen 850.000 euros entre 17 ciclos e eventos que suman arredor de 100 actuacións, tanto de artistas e grupos galegos como da escena nacional e internacional.
Esta medida do Plan de reactivación do sector cultural deseñouse especificamente para profesionais autónomos e empresas que rexistraron perdas económicas pola crise sanitaria, reforzando o apoio do Goberno galego á recuperación da actividade empresarial e artística no sector. Ao tempo, búscase fomentar a recuperación das programacións culturais nas 17 localidades nas que se levan a cabo os espectáculos.