Share

O festival Vive Nigrán celebra esta fin de semana a súa segunda edición co apoio da Xunta a través da marca FEST Galicia

Entre outras accións, patrocina os autobuses do festival, co obxectivo de promover o uso do transporte colectivo

O festival Vive Nigrán celebra esta fin de semana a súa segunda edición co apoio da Xunta a través da marca FEST Galicia

O festival Vive Nigrán celebrará a súa edición a carón de Praia América o 20 e 21 de xullo como membro de FEST Galicia, a marca creada pola Xunta para promover o territorio galego como destino musical baixo criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social. O evento recibirá apoio para difundir información e para fomentar o transporte colectivo.
A adhesión de Vive Nigrán a FEST Galicia, na que están asociados un total de 10 festivais de verán que funcionan de xeito profesional e que se preocupan por achegar valores engadidos á experiencia musical tanto na súa oferta de actividades como na súa xestión e organización, supón distintas accións de visibilización da marca e un apoio de patrocinio por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. 
 
En concreto, FEST Galicia estará presente no Festival Vive Nigrán a través do reparto de información sobre os eventos que forman parte da marca e dando soporte aos autobuses que ofrece o evento para reforzar a aposta polo transporte público como mellor opción de mobilidade. Así, o festival disporá unha liña especial que circulará con servizos de ida e volta tanto o venres como o sábado entre Pontevedra, Vigo e Baiona.
 
Do mesmo xeito, coa súa participación en FEST Galicia, o festival comprométese a aplicar criterios de igualdade no seu cartel, que nesta edición conta cun bo número de propostas musicais que inclúen integrantes femininas. O venres actuarán Mireia Vilar, Odd Cherry Pie, Maryland, Abraham Boba DJ SET, Depedro, Cala Vento, Mujeres, Nathy Peluso, e Esteban & Manuel. Na xornada do sábado, están no programa Inerttes, Calavera, Sidonie, Indian Hawk, Las Odio, Bigott, The Limboos e Mueveloreina.
 
Ademais de Vive Nigrán, forman parte de FEST Galicia PortAmérica, que se celebrou do 5 ao 7 de xullo en Caldas de Reis; Resurrection Fest, que tivo lugar entre o 11 e o 14 de xullo en Viveiro; Atlantic Fest, programado na Illa de Arousa tamén para esta vindeira fin de semana (do 20 ao 22); Sinsal Son Estrella Galicia, que desembarcará na Illa de San Simón (Redondela) do 26 ao 29 de xullo; 17º Ribeira Sacra, que se desenvolverá en distintas localizacións do municipios de Monforte de Lemos, Sober, Chantada, Nogueira de Ramuín, Castro Caldelas e A Teixeira os días 27, 28 e 29 de xullo e 4 de agosto; SonRías Baixas, en Bueu do 2 ao 4 de agosto; Festival de la Luz, en Boimorto do 7 ao 9 de setembro; e WOS Festival, que pechará o ciclo do 12 ao 16 de setembro en Santiago de Compostela.

-Vive Nigrán
-FEST Galicia