O Festival Sinsal sorprenderá o público cun cartel secreto conformado co apoio da Xunta para reunir 26 bandas de 18 países
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais visitou hoxe a montaxe dos escenarios nas illas de San Simón e Santo Antón
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades apoia o evento, que se celebra esta fin de semana, a través das axudas a festivais e da marca FEST Galicia

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia sorprenderá esta fin de semana o público que acuda un ano máis á Illa de San Simón para gozar cun cartel musical secreto e que estará conformado por 26 bandas procedentes de 18 países. A Xunta apoia este encontro musical a través da marca FEST Galicia e mediante as subvencións a festivais profesionais de música e artes escénicas, liña de axudas á que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina 575.000 euros para contribuír neste 2023 á celebración de 26 eventos considerados estratéxicos.
O director da Axencia das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a deputada da Deputación de Pontevedra, Sandra Bastos, desprazáronse hoxe ata San Simón para visitar a montaxe dos escenarios deste festival na compaña dos seus responsables, Luís Campos e Julio Gómez, e representantes doutros patrocinadores da iniciativa privada.
A visita transcorreu polas dúas illas do arquipélago, cuxo patrimonio natural e cultural lle outorga unha especial singularidade a este encontro, recoñecido pola crítica musical a nivel estatal por brindar unha coidada selección de nomes de vangarda. O público, pola súa banda, avala tamén cada ano de forma rotunda a calidade da programación deste festival, tal e como o demostra a venda de entradas, que xa levan días esgotadas.
Nove debuts en España
O cartel de Sinsal Son Estrella Galicia, secreto ata que o público comece a desembarcar mañá na illa, súmase este verán ás máis de 2500 actividades culturais impulsadas pola Xunta dentro da axenda global que se desenvolve baixo o lema A cultura galega é un CulturON. Así, as actuacións das 26 bandas e artistas procedentes de 18 países africanos, europeos, americanos e asiáticos intégranse de forma conxunta nesta variada oferta cultural.
O programa de Sinsal SON Estrella Galicia complétase, como é habitual, cunha serie de actividades paralelas á oferta musical, con experiencias divulgativas, deportivas ou documentais. Neste senso, cómpre destacar o proxecto A Escola Sinsal, que inclúe entre outras accións unha exposición sobre a historia do casete, ou a participación do experto en gravacións de cilindro fonográfico Aleks Kolkowski.
Ademais, baixo o lema Descubre San Simón aglutinaranse diferentes accións, como unha ruta polo arquipélago formado polas Illas de San Simón e Santo Antón para coñecer a súa historia, ou as visitas guiadas que ofrecerá o investigador Xosé Lois Guitérrez Faílde.