O Festival Sinsal pecha mañá esta edición enmarcada na programación estival da Xunta
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asiste á segunda xornada de concertos na Illa de San Simón
O representante da Xunta de Galicia destaca que a “singularidade desta proposta musical fai que sexa das máis sorprendentes e queridas do ‘CulturON’”
O cartel, que ten un carácter secreto, conta con 26 bandas procedentes de 15 países
Trátase dunha das iniciativas adheridas á marca FEST Galicia da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu hoxe, acompañado director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, á segunda xornada do Festival Sinsal. A iniciativa celébrase ata mañá na illa de San Simón co apoio da Xunta a través de FEST Galicia, a marca impulsada desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para a promoción do noso territorio como destino musical de calidade, que este ano lle achega 70.000 euros por medio dun contrato de patrocinio.
Na súa visita, o responsable autonómico de Cultura destacou a singularidade desta cita cuxo cartel artístico é secreto e o público só descobre ao desembarcar, o que o converte, tal e como sinalou “nunha das propostas máis sorprendentes e queridas do CulturON, a campaña que a Xunta de Galicia ten en marcha con máis dunha trintena de propostas diarias para os meses de verán”.
Esta edición caracterízase de novo pola diversidade de estilos e orixes, con máis de 20 bandas e solistas de 15 países de Europa, África, América e Asia. Así, o encontro está consolidado no panorama estatal tanto polo seu carácter diferenciador no eido musical como pola contorna na que se desenvolve.
Actividades paralelas
O festival completa a súa programación con actividades paralelas como as iniciativas incluídas na Escola Sinsal, vinculadas á historia do rexistro sonoro; as Sesións Malmequeres, que recuperan arquivos sonoros domésticos; as Sesións San Simón, nas que as bandas e solistas realizan gravacións breves dos seus temas nun cilindro fonográfico de cera. Ademais, #sinsalsenrastro acolle o obradoiro para público familiar Binomios fantásticos e Descubre San Simón ofrece rutas para coñecer o patrimonio desta illa e de Santo Antón.