Share
Cultura
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais participa na presentación do certame, que se desenvolverá en Ourense, Celanova e Ribadavia do 15 ao 25 de outubro

O Festival Internacional de Teatro de Ourense reforza na súa edición de 2026 a creación galega e o intercambio escénico co apoio da Xunta

A cita combina teatro, danza, circo e propostas de rúa nunha programación que reúne compañías galegas e formacións chegadas de Andalucía, Cataluña e Hispanoamérica

Conta cunha das axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para mostras escénicas, que en 2026 distribuíu 290.000€ entre 13 eventos

A programación inclúe as estreas absolutas de Teatro de Ningures e Arun Run, así como as novas creacións da iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación da programación da edición de 2026 do Festival Internacional de Teatro de Ourense, que se desenvolverá do 15 ao 25 de outubro en diferentes espazos da capital ourensá, Celanova e Ribadavia. Organizada por Sarabela Teatro co apoio da Xunta de Galicia, a mostra reforza a súa aposta pola creación galega e polo encontro con propostas escénicas doutros territorios, cun cartel que abrangue teatro, danza, circo contemporáneo e intervencións de rúa.

O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. A colaboración institucional contribúe a ampliar a súa presenza territorial e a favorecer o acceso do público a unha oferta diversa, na que conviven compañías consolidadas e iniciativas de creación emerxente.

Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense.

A participación galega complétase con Píscore Teatro, que representará Molto Barroco en Celanova o domingo 18; Ibuprofeno Teatro, con Bio Construción no Teatro Principal o xoves 22; Pistacatro, con Sen patrón na praza de San Xoán de Ribadavia o sábado 24, e Marta Alonso, que ofrecerá Dance Join ese mesmo día na praza de San Martiño de Ourense. Producións Teatrais Excéntricas pechará o festival o domingo 25 no Teatro Principal con Mofa e Befa: A arte da guerra.

Propostas internacionais e diversidade de espazos

No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival o sábado 17 con Todo terminará por Navidad, 66 minutos antes de Nochebuena. A formación colombiana L’Explose, en colaboración con Opsis, presentará Entrecruzad@s o venres 23, unha proposta que aborda a identidade, o desarraigamento e a exclusión a través do movemento e da interpretación. Ambas as funcións terán lugar no Teatro Principal.

A programación incorpora tamén Poeta (perdido) en Nueva York, da compañía andaluza Aedo Teatro, o venres 16 no Teatro Principal, e Costura, de Elena Romero Muñoz, chegada de Cataluña, o domingo 18 no Liceo de Ourense.

O Teatro Principal, o Liceo e a Sala Emilia Pardo Bazán conforman as principais sedes da capital ourensá, xunto coas rúas e prazas da cidade. A extensión a Celanova e Ribadavia reforza a dimensión provincial do certame e a súa capacidade para achegar as artes escénicas a novos públicos.