O Festival Galicreques pon en valor a variedade do Teatro Títeres para todas as idades
A carteleira inclúe a estrea de ‘Lémbrame. Spominaj na mnje’, coprodución do Centro Dramático Galego co Bauzten Theater alemán no marco do proxecto europeo Phōnē
Terán lugar 60 funcións a cargo dunha trintena de compañías de oito países
É unha das 12 citas cofinanciadas en 2024 pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da convocatoria de subvencións a festivais escénicos
A 29ª edición do Festival Internacional Galicreques exhibirá entre o 12 e o 20 de outubro en distintos espazos de Santiago de Compostela un dos seus programas máis extensos, con 60 funcións a cargo dunha trintena de compañías de oito países e co obxectivo de continuar a poñer en valor a variedade e a versatilidade do teatro de títeres para todas as idades. A Xunta de Galicia cofinancia esta nova cita a través da liña subvencións a festivais escénicos e achega tamén este ano á carteleira a participación do Centro Dramático Galego nunha coprodución con Alemaña no marco do proxecto europeo Phōnē.
Así o explicou hoxe o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, na presentación de Galicreques 2024, nun acto no que tamén interveu o director do festival, Jorge Rey, e representantes das institucións que apoian esta cita pioneira como punto de encontro de público xeral, centros escolares e profesionais arredor do teatro de bonecos e as súas múltiples técnicas e variantes dentro e fóra de Galicia.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fixo referencia á calidade da produción dos espectáculos deste xénero dentro da nosa Comunidade, representada no festival coas propostas de Olga Abad, Titiritres, Danthea, Cascanueces, Brincadeira, Cachirulo, Luis Vallecillo ou Carmen Domech.
Detívose especialmente na estrea de Lémbrame. Spominaj na mnje, coprodución do Centro Dramático Galego coa estrutura alemá do Bauzten Theater, que terá lugar o 15 de outubro no Salón Teatro como unha das accións de internacionalización da nosa escena e de posta en valor das linguas minorizadas, neste caso o sorobio e o galego. A obra, creada ao abeiro do proxecto Phōnē, no marco do programa Europa Creativa, é unha homenaxe á memoria, á tradición e á raíz.
Estreas galegas e internacionais
O 29º Festival Internacional Galicreques terá o seu epicentro na carpa que quedará instalada no paseo central da Alamada de Santiago e estenderá a súa actividade ao Salón Teatro, ao Teatro Principal, á Fundación SGAE e aos centros socioculturais de Santa Marta, A Peregrina, Fontiñas, Bando, Vite, Castiñeiriño e Conxo.
Neste 2024 contará cun total de 12 estreas. Así, ademais de Lémbrame.Spominaj na mnje, a compañía galega Titiritres presentará por vez primeira o luns 14 Emotivas como apertura da programación escolar. Outro nome da escena galega que estreará dentro de Galicreques será Olga Abad coa obra Un gran plan e dentro da sección CARA BÉ, orientada para o público adulto.
Dúas estreas chegarán desde Portugal e as dúas poderanse ver o domingo 13 na Alameda. A primeira delas correrá a cargo da compañía Marionetas Rui Sousa, que lle presentará á cativada a súa obra As marionetas tambén tém coraçao. O propio Rui Sousa participa tamén noutra estrea, a de Portugalidades, espectáculo que conmemora o cincuentenario da Revolución do 25 de abril.
Tamén son dous os proxectos vencellados con Arxentina que escollen Galicreques para inaugurar as súas montaxes: Tres Tigres, que presentará a súa nova obra Desde El Altillo. Historia de un exilio, e Signe Diesel, formación franco-arxentina que traerá ao festival a súa obra inédita Kazu, peza que protagonizará a clausura do festival o domingo 20 de outubro.
Pola súa banda, desde O Salvador chegará Ocelot Teatro para estrear Martín cabeza de hacha, mentres que os colombianos La Pepa del Mamoncillo representarán por vez primeira en Europa a súa proposta Napoleón e Josefina. Dende Andalucía viaxará El Traje, da compañía La Sal Teatro, os valencianos de Vudú Teatro traerán a súa nova proposta, Oráculo FM, en tanto que a compañía conquense Títeres Larderos amosará a montaxe Pelos Operación Agua.