O Festival de la Luz anuncia máis de 30 artistas que actuarán en Boimorto do 6 ao 8 de setembro
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, asistiu hoxe á presentación da oitava edición do Festival de la Luz, que se desenvolverá en Boimorto (A Coruña), do 6 ao 8 de setembro cunha ampla e ecléctica carteleira musical e de actividades audiovisuais, escénicas e gastronómicas para todas as idades.
Os organizadores do evento reuniron os seus principais patrocinadores e colaboradores públicos e privados para anunciar as primeiras confirmacións de artistas que actuarán no festival que promove a actriz Luz Casal na súa localidade natal. Son máis de 30 nomes, entre os que se atopan grupos como Celtas Cortos, a Orquestra Mondragón, Ángel Stanich, Egon Soda, Arizona Baby, Presumido, Gus Gus, Delaporte, Cepeda, Mikel Erentxun, Amparanoia, Habitación Vudú, ou os galegos Tiruleque, Riff Raff, Broken Peach, As Netas de Mauriza e Silvia Penide. No acto tamén se deron a coñecer as causas solidarias ás que este ano se destinarán os fondos recadados: as asociacións Anxiños, de atención a nenos e adolescentes con trastornos mentais graves, e Asanog, de axuda a nenos oncolóxicos e ás súas familias.