Share
Jacobo Sutil e Fran Núñez participaron xunto ao equipo artístico na presentación desta coprodución integradora e única no contexto teatral galego

O espectáculo inclusivo ‘Nada se sabe’ chega ao Salón Teatro de Santiago da man do Centro Dramático Galego e Culturactiva

A estrea compostelá terá lugar mañá xoves na sede da compañía da Xunta de Galicia, que acollerá unha vintena de funcións da montaxe ata o 9 de febreiro

Con texto de Manuel Lourenzo, Ignacio García e Fran Rei codirixen esta proposta, na que catro intérpretes con discapacidade cuestionan como a sociedade actual aborda a diferenza

As representacións contarán con servizos de accesibilidade e de autobuses desde máis de 40 concellos, ademais de complementarse cun programa de actividades paralelas con posfuncións ou visitas táctiles, entre outras

O espectáculo de teatro inclusivo Nada se sabe, coproducido polo Centro Dramático Galego e Culturactiva, terá este xoves a súa estrea compostelá no Salón Teatro, onde permanecerá ata o 9 de febreiro para ofrecer unha vintena de funcións. As representacións, que terán lugar de mércores a domingo ás 18,00 h., contarán con diferentes sistemas de accesibilidade e con servizo gratuíto de autobuses desde máis de 40 concellos galegos, ademais de se complementar cunha serie de actividades paralelas como posfuncións ou visitas táctiles.

A sede da unidade teatral da Xunta de Galicia acolleu hoxe a presentación do espectáculo, na que interviñeron os directores da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, así como Fran Rei, codirector de Nada se sabe con Ignacio García, e a actriz Corina Alfonso Mañá, en nome do elenco do que forma parte xunto a Rubén Bargiela Sierpes, Alba Chao García e Elvis García Torres.

Sutil lembrou que Nada se sabe é unha das coproducións impulsadas polo Centro Dramático Galego en 2024 no marco da programación conmemorativa do seu 40º aniversario e en liña tanto co activo traballo a prol da inclusión que vén desenvolvendo nos últimos anos a compañía pública da Xunta, como coa recentemente aprobada Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude animou o público a asistir ao espectáculo, que tras a súa estrea o pasado mes de xullo na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e o seu paso polo Festigual da Coruña, regresa ao lugar onde se desenvolveron parte dos ensaios para compartir unha necesaria reflexión sobre como a sociedade actual aborda e xestiona a diferenza.

Nada se sabe constitúe unha proposta integradora e única no contexto teatral galego tanto polo elenco, integrado por dúas actrices e dous actores con  diversidade funcional, como polo tema, que aborda diversas versións da discapacidade no teatro clásico, deténdose na adaptación moderna e sinxela que asina Manuel Lourenzo a partir de Filoctetes, una das traxedias de Sófocles. Súmase igualmente a delicada selección musical, a mestura de linguaxes e a súa formulación como un reto á audiencia para nos cuestionar o que entendemos por discapacidade e por integración.

Para a dirección desta proposta, formaron tándem Ignacio García, ex director do Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro, experto en pedagoxía teatral e un dos directores de escena máis relevantes a nivel estatal e europeo, e Fran Rei, actor cómico, autor de guións e director teatral, que nos últimos anos vén desenvolvendo con Culturactiva un continuo traballo de integración social a través do teatro.

Xunto con Corina Alfonso Mañá, Rubén Bargiela Sierpes, Alba Chao García e Elvis García Torres nas interpretacións, contaron no seu equipo coas achegas de José Manuel Faro González “Coti” (escenografía e iluminación), Grupo de Teatro Muxicas ONCE Ourense (voces en off), La Canalla (vestiario e atrezzo), Rosa Moledo (asesoramento lingüístico), Diseñatas - Fundación Igual Arte (imaxe), Rocío Cibes (deseño gráfico e fotografía) e do equipo técnico do Centro Dramático Galego.

Público de máis de 40 concellos

Como en anteriores producións da compañía pública, con Nada se sabe estará operativa a campaña de mobilidade Sobes ao autobús do teatro?, que nestes momentos xa ten programados 23 buses gratuítos con parada en máis de 40 concellos galegos para facilitarlle o desprazamento a Santiago ao público de toda Galicia.

Para estas representacións no Salón Teatro, habilitáronse diferentes sistemas de accesibilidade para o público, como interpretación en lingua de signos en todos os pases, programa de lectura fácil ou audiodescrición para os espectadores que a soliciten previamente no despacho de billetes e dispoñan de auriculares propios.

Así mesmo, unha hora antes das funcións dos sábados e domingos terá lugar unha visita táctil para aquelas persoas con discapacidade visual que desexen experimentar un percorrido polos elementos físicos do espectáculo, mentres que ao rematar o pase dos venres o público terá a oportunidade  de participar nun coloquio co equipo.

Sesión DJ na función de estrea

As persoas que acudan á estrea de mañá poderán gozar, ademais, da sesión que Fran Rey DJ ofrecerá desde o balcón do Salón Teatro ao finalizar a representación do espectáculo. A este primeiro pase da montaxe asistirá un grupo de estudantes da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, que esa mesma tarde visitará tamén a nave de servizos técnico do Centro Dramático Galego como parte das actividades do programa formativo CDG Lab que a compañía pública mantén co centro.

As entradas para as funcións do espectáculo poden adquirirse en liña a través da web entradas.ataquilla.com ou no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto desde dúas horas antes de cada pase.