O espectáculo 'Animais de compañía' e o taller 'Soa igual a diferenza' pechan o ciclo de Nadal no Salón Teatro de Santiago
O programa Gran teatro para os máis pequenos ofrece mañá e o xoves dúas funcións desta proposta de Teatro do Noroeste, ás que lles precederán dúas sesións do obradoiro de son
Eduardo Alonso é o autor e director desta comedia musical para público familiar, que interpretan Imma António e Manuela Varela
A programación de xaneiro na sede do CDG inclúe a representación de Réquiem por un monicreque, de Os monicreques de Kukas, e de #camiños, en coprodución con ButacaZero
O ciclo Gran teatro para os máis pequenos do Salón Teatro de Santiago remata mañá e o xoves cunha nova oferta dobre que combina a posta en escena de Animais de compañía, de Teatro do Noroeste, cun taller de son para público infantil. Conclúe así a segunda edición deste programa especial de Nadal do Centro Dramático Galego (CDG).
Mañá mércores 3 e o xoves 4, ás 19,00 h., terán lugar as representacións de Animais de compañía, proposta escrita e dirixida por Eduardo Alonso, recomendada para todos os públicos a partir dos 6 anos de idade. Trátase dunha comedia musical en forma de fábula, protagonizada por unha cadela e unha gata ás que lles dan vida Imma António e Manuela Varela, respectivamente.
Respecto á diversidade
Como nas fábulas clásicas, os dous animais toman características humanas para construír un proceso de aprendizaxe sobre valores éticos como a convivencia e o respecto á diversidade. Tratando en clave de comedia unha situación cotiá nunha casa dunha moza amante dos animais, a peza establece un paralelismo entre o que viven estas mascotas e o que acontece na sociedade actual.
A montaxe foi producida por Teatro do Noroeste con subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e conta no seu equipo artístico con Bernardo Martínez na composición musical, Equipo Taetro na escenografía e vestiario, Julia Méndez na coreografía e Eva Alonso na produción.
Ambas as funcións estarán precedidas do taller Soa igual a diferenza, impartido por Elea López desde as 17,00 h. Xunto cos anteriores obradoiros Moita tea que cortar e Mallo en decembro (combinados coas representacións de A casa do avó, por Tanxarina, e Ela, por Caramuxo Teatro, respectivamente), esta iniciativa busca achegarlles aos pequenos e pequenas diferentes aspectos do oficio teatral baixo o lema Saca o artista que levas dentro.
O CDG oferta 30 prazas para cada unha das sesións deste obradoiro, que serán adxudicadas por orde de reserva a través do teléfono 881 867 229. Os nenos e nenas poden participar sós no taller, en tanto que nas funcións é necesario que estean acompañados por un adulto.
A entrada para o obradoiro está incluída no bono especial de Nadal, mentres que a tarifa normal é de 5 euros por sesión. O pago farase desde media hora antes do seu comezo na billeteira do Salón Teatro, onde poderán mercarse tamén as entradas para Animais de compañía. Neste último caso, existe a posibilidade de adquirir un mínimo de tres billetes para unha mesma representación a un prezo familiar de 6 euros cada un, así como entradas individuais a 8 euros. Ademais, a venda anticipada está dispoñible na web entradas.abanca.com.
Carteleira de xaneiro
A programación de xaneiro continuará a partir do día 11 con outra proposta familiar: Réquiem por un monicreque, que Os Monicreques de Kukas porán en escena ata o día 14: o xoves 11 e o venres 12, en funcións escolares ás 11,00 h.; e para o público xeral, o venres 12 e o sábado 13, ás 20,30 h. e o domingo 14, ás 18,00 h.
A finais de mes será a quenda para a estrea en Santiago dunha nova coprodución do Centro Dramático Galego. Neste caso, trátase do novo espectáculo de ButacaZero: #camiños, escrito por Esther F. Carrodeguas e dirixido por Xavier Castiñeira. A xeración dos millennials e a súa relación coas raíces son o fío condutor deste espectáculo, que poderá verse en Santiago do xoves 25 ao domingo 28 de xaneiro, ademais de ofrecer pases matinais concertados con centros educativos do 24 ao 26.