O encontro de circo D10! celebra a súa novena edición cunha ducia de espectáculos, laboratorios e coloquios
O Salón Teatro e a Cidade da Cultura de Galicia son dúas das sedes desta iniciativa, patrocinada pola Xunta, que inclúe propostas híbridas de compañías de Galicia, Cataluña e Madrid
O colectivo francés La Granerie e o artista alemán Stefan Sing regresan a Galicia para o programa formativo deste ano, ao que se suma a formación catalá Escarlata Circus
O circo volve protagonizar por noveno ano consecutivo o encontro D10! para a formación e innovación neste ámbito artístico, que se desenvolve en Santiago de Compostela ata o 4 de decembro co Salón Teatro e a Cidade da Cultura de Galicia como dúas das súas sedes. A Xunta de Galicia patrocina este evento, que este ano se estende tamén a Pontevedra no marco da feira Culturgal.
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na Cidade da Cultura na presentación desta nova edición do encontro, á que tamén asistiron a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, e representantes da organización.
Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incidiu no papel do circo como unha das manifestacións claves das artes escénicas, máis alá dos estereotipos tradicionalmente asociados a este ámbito artístico. Neste sentido, Galicia conta con colectivos e formacións pioneiras e innovadoras, tanto desde o punto de vista da creación como da xestión cultural, que o Goberno galego vén apoiando desde as súas orixes.
É o caso de Pistacatro, Premio da Cultura Galega 2023 no apartado de artes escénicas, e do seu encontro D10!, que se articula arredor dun programa cunha ducia de laboratorios de investigación e creación, coloquios e espectáculos, para os que se conta coa participación de diferentes colectivos e compañías de Galicia, Cataluña, Madrid, Alemaña e Francia.
A sede do Centro Dramático Galego no Salón Teatro acolle esta tarde, ás 20,00 h., a primeira das citas da carteleira de exhibición con Código fuente, proposta híbrida a medio camiño entre a conferencia e a proxección, na que a compañía catalá Escarlata Circus e o artista galego Antón Coucheiro compartirán co público algunhas pezas audiovisuais e escénicas referenciais na súa traxectoria.
O Salón Teatro será tamén o escenario para o solo de acrobacias Ákri, de Manel Rosés, o xoves 28 ás 20,30 h., e a historia baseada en feitos reais de Mahmud y no solo Mahmud, que a formación madrileña Puntocero Company representará o venres 29, ás 18,30 h.
Pola súa banda, o Museo Centro Gaiás recibirá mañá mércores, ás 19,00 h., a artista catalá África Lloréns coa peza Foradada, mentres que no Teatro Principal poderá verse Teatro de papel, de Rauxa Cía, o venres 29 ás 20,30 h. e Compaña, de Xampatitopato, o sábado 30 ás 18,00 h.
Tres propostas formativas
O apartado formativo de D10! arrancou xa a semana pasada na Cidade da Cultura, que este ano volveu recibir o colectivo francés La Granerie para continuar avanzando no traballo desenvolvido o pasado mes de xuño na súa sede de Toulouse xunto con artistas dese país e de Galicia. Tamén no Gaiás deu comezo hoxe o laboratorio O circo, pista de contradicións, unha proposta de Escarlata Circus para explorar o universo circense a partir da súa execución, mentres que o artista alemán Stefan Sing regresará a este espazo do 2 ao 4 de decembro para impartir a terceira entrega do taller Deep Malabar.
Por primeira vez este ano, a programación do D10! esténdese á cidade de Pontevedra para celebrar os seus coloquios como parte de Culturgal, que o sábado 29 acollerá a presentación por parte da Asociación Profesional de Circo de Galicia do Censo do Novo Circo Galego e dos primeiros Premios de Circo Galego Manu Lago. Na Feira das Culturas Galegas terán lugar o domingo 30 dúas mesas redondas sobre a importancia da idade nas artes circenses e sobre igualdade e disidencia.