Share

O dúo Mofa e Befa ofrece en Santiago catro funcións de 'Cranios privilexiados' no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios

O compostelán Teatro Principal acolle a última proposta interpretada por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira baixo a dirección de Carlos Santiago entre o 24 e o 27 de xaneiro

O espectáculo contou cunha subvención da Agadic para a súa produción e ten previstas neste semestre outras seis representacións no Barco, Muros, Vilagarcía, Ferrol, O Carballiño e Burela dentro deste circuíto promovido pola Xunta

O dúo Mofa e Befa ofrece en Santiago catro funcións de 'Cranios privilexiados' no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios

O Teatro Principal de Santiago acolle a vindeira semana catro funcións de Mofa e Befa con Cranios privilexiados ou crítica da razón perralleira, a última proposta escénica do dúo que integran Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. As representacións, que terán lugar do 24 ao 27 de xaneiro, forman parte do programa da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
Este circuíto, promovido a Xunta de Galicia xunto con máis de 40 escenarios galegos, abrangue ata o mes de xuño para o caso concreto de Compostela un total de 15 funcións de sete espectáculos galegos.

Así o explicou hoxe na rolda de prensa sobre a estadía desta montaxe no espazo compostelán o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, quen lembrou tamén o apoio prestado pola Consellería de Cultura e Educación non só á distribución deste espectáculo, senón tamén á súa produción, xa que o proxecto contou cunha subvención de máis de 18.500 euros para a súa posta en escena.
 
Durante a presentación, na que tamén participaron os actores protagonistas, o director escénico Carlos Santiago e Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural, Jacobo Sutil destacou a “marca propia” e o “teatro divertido, accesible e apto para todos os públicos” que realiza a compañía PT Excéntricas co formato Mofa e Befa, “sin por isto desbotar as interesantes achegas que realizan á nosa escena desde o punto de vista da dramaturxia ou da dirección de actores”, engadiu.
 
De feito, os seus creadores refírense a Cranios privilexiados ou crítica da razón perralleiracomo “un freak show de pensadores e pensamentos que non renuncia a comprender a realidade actual, por difícil que pareza”. Así, Mofa e Befa sométense a un duro exercicio espiritual poñendo en cuestión a súa propia filosofía escénica, o “perralleirismo”, unha filosofía baseada no principio de que todo problema ten solución.
 
Programadas 348 actuacións en 37 concellos
O director da Agadic valorou tamén de xeito positivo a programación de catro funcións en días consecutivos por parte do Concello de Santiago para este espectáculo, acción que contextualizou como parte do intenso calendario de actividade da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), o circuíto cultural coordinado pola Xunta de Galicia e cofinanciado xunto cos municipios e entidades asociadas. Durante este primeiro semestre de 2018, a RGTA achegaralles 346 actuacións de teatro, danza, música, maxia e circo aos espectadores de 37 concellos, o que supón a contratación entre xaneiro e xuño de 106 formacións artísticas, un 90% delas galegas.
 
Precisamente, Cranios privilexiados ou crítica da razón perralleira continuará nas vindeiras semanas as súas representacións no marco da RGTA: mañá día 19 no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, o 20 no Centro Cultural Xuvenil de Muros, o 3 de febreiro no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, o 9 de marzo no Teatro Jofre de Ferrol, o 10 de marzo no Auditorio Municipal do Carballiño e o 11 de maio na Casa da Cultura de Burela.
 
Neste mesma carteleira, o Teatro Principal compostelán, membro da RGTA desde a súa fundación hai máis de 20 anos, acollerá en datas sucesivas a estrea de O servidor de dous amos, a cargo de Talía Teatro; así como as funcións de Resaca, a cargo de Ilmaquinario Teatro; Casa O’Rei, de Ibuprofeno Teatro; Pum Pum de Baobab Teatro; e as pezas de danza Gaia, de Entremáns, e Sons, de Nova Galega de Danza.

-Web de PT Excéntricas