O director de Industrias Culturais visita a rodaxe no Grove da segunda temporada da serie ‘Punto Nemo’
San Vicente do Mar, no concello pontevedrés do Grove, está a acoller a rodaxe en Galicia de Punto Nemo 2, segunda temporada da serie de Ficción Producciones para Prime Video. Ata o set instalado na zona de Porto Cuaces desprazouse o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta, Jacobo Sutil, para asistir á filmación de varias das escenas previstas durante a xornada.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, quen realizou a visita xunto aos responsables de Ficción, Prime Video e Ukbar Filmes, compañía portuguesa tamén implicada nesa coprodución, tivo a oportunidade de saudar e felicitar o equipo, encabezado polo seu director, Alex Rodrigo, e por Óscar Jaenada, Maxi Iglesias e Nawja Nimri como trío protagonista. A súa rodaxe en Galicia estenderase durante cinco semanas e contará, ademais, con localizacións en Canarias e Portugal como escenarios dos novos catro capítulos desta historia arredor dos superviventes da expedición oceanográfica que centrou a primeira temporada.