O director da Agadic visita en Bande a rodaxe do filme 'Eles transportan a morte'
A longametraxe, producida por Filmilka Galaika e dirixida por Samuel M. Delgado e Helena Girón, conta cunha subvención da Xunta de Galicia para a súa realización
A produtora Filmika Galaika iniciou a rodaxe en Galicia do filme Eles transportan a morte, longametraxe codirixida por Samuel M. Delgado e Helena Girón, que conta cunha axuda da Xunta de Galicia para a súa produción. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, acompañou hoxe o equipo da película na xornada de gravación que tivo lugar en Xordos, no Concello de Bande.
O rural ourensán é unha das localizacións da fita, que se rodará tamén, en galego e en castelán, noutros puntos de Galicia e das Illas Canarias. Ata Xordos desprazouse o director da Agadic, xunto con José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, entidade que tamén colabora neste proxecto audiovisual. Alí puideron coñecer as singularidades do traballo que se está a levar a cabo da man dos seus realizadores e da produtora executiva do filme, Beli Martínez.
Eles transportan a morte foi adxudicataria de 260.000 euros a través da convocatoria de subvencións á produción e coprodución audiovisual de contido cultural galego de 2017. Ese mesmo ano, o proxecto foi escollido para formar parte do programa Ikusmira Berriak do Festival de San Sebastián, sección do encontro donostiarra dedicada especificamente ao apoio a propostas audiovisuais que defendan a innovación e a experimentación tanto na linguaxe cinematográfica como nos medios de produción.
A película indaga na historia de Cristóbal Colón e no descubrimento de América para, a partir deste feito, desenvolver unha ficción mitificada na que se reflexiona sobre os efectos da colonización e da sabedoría precolonial, co que busca achegarse a un público cinéfilo con inquietudes culturais, sociais, antropolóxicas e políticas.
Así, a trama se sitúa no século XV, cando na tripulación da expedición capitaneada por Colón viaxan tres homes (Bartolomé, Telmo e Xoán), que se enrolan nesa singradura incerta como permuta á execución da súa pena de morte. Xa embarcados, rouban a vela da carabela Santa María e foxen con ela nunha travesía errante xunto a tres mulleres: a sibila, a curandeira e a bruxa.