O director da Agadic participa na presentación do cuarto festival Ourenrock Sound
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación da cuarta edición do festival de música Ourenrock Sound, que terá lugar en Benposta do 30 de maio ao 1 de xuño con La Pegatina e Boikot como cabezas de cartel. Na rolda de prensa, celebrada na terraza do Liceo ourensán, tamén interviñeron José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense; Rubén Álvarez, voceiro da organización do evento, e Juankar, voz e baixista da banda Boikot.
Sutil sinalou que, pese á súa aínda curta traxectoria, o festival ourensán xa ten demostrado un gran potencial de futuro a través da súa “aposta pola dinamización da industria musical galega, da diversificación e ampliación da súa carteleira, que este ano se abre a grupos internacionais, ou da progresiva interacción con outros valores locais socioeconómicos e turísticos que achegan atractivos moi positivos ao evento”. Subliñou, así mesmo, a elección de Benposta como lugar de celebración do Ourenrock Sound, “con toda a carga simbólica que esta localización ten para o sentido máis lúdico do goce da cultura galega”.