O conselleiro de Cultura visita en Vigo o equipo da nova película de Carla Simón, subvencionada pola Xunta para a súa filmación en Galicia
A coprodución hispano-alemá ‘Romería’ recibe unha achega de 300.000 euros a través do fondo para a atracción de rodaxes, dotado con 2 M€ para a súa convocatoria de 2024
A directora completa así a triloxía de longametraxes que lle dedica á historia da súa familia, da que tamén forman parte as premiadas ‘Alcarràs’ e ‘Estiu 1993’
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu esta tarde en Vigo a unha das sesións de rodaxe de Romería, o novo filme da premiada realizadora catalá Carla Simón, que conta cunha subvención de 300.000 euros por parte da Xunta para contribuír á súa filmación en Galicia.
José López Campos agradeceulle ao equipo da produción, encabezado por María Zamora -Premio Nacional de Cinematografía 2024- como produtora executiva, a elección da nosa Comunidade como escenario desta longametraxe e subliñou a capacidade do sector audiovisual galego para acoller producións foráneas, ás que suma o seu talento artístico e a súa competencia técnica.
A achega do Goberno galego a esta coprodución hispano-alemá materialízase a través da liña de axudas para a atracción de rodaxes, cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027. Na súa convocatoria de 2024, este fondo conta cunha dotación de 2 M€ co obxectivo de impulsar a proxección de Galicia como plató de producións audiovisuais lideradas tanto por empresas de aquí como do resto de España e Europa. Ao tempo, garántese un gasto mínimo no territorio galego por cada proxecto subvencionado, que se sitúa en 1 M€ no caso das produtoras galegas e en 1,5 M€ no das foráneas.
Novo proxecto con María Zamora
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, quen estivo acompañado nesta visita polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, tivo a oportunidade de felicitar a Carla Simón e María Zamora por este novo proxecto conxunto, que desta volta coproducen Elástica, que se encargará tamén da súa distribución en cines, Romería Vigo AIE, Dos Soles Media e Ventall Cinema.
María Zamora regresa, ademais, a Galicia tras a rodaxe de O corno, de Jaione Camborda, que Elástica coproduciu xunto á galega Miramemira e que foi recoñecida, entre outros galardóns, coa Cuncha de Ouro da pasada edición do Festival de Cine de San Sebastián.
Filme autobiográfico
Con Romería, que se filma desde primeiros de agosto en Vigo e noutras localizacións da provincia de Pontevedra, a directora, Carla Simón, completa a triloxía de longametraxes na que explora as relacións familiares, inspirándose desta volta nas orixes da súa familia biolóxica paterna. Continúa así a senda que arrancou con Estiu 1993, coa que logrou o Goya á mellor dirección novel, e Alcarràs, Oso de Ouro na Berlinale.
No reparto, encabezado pola debutante Llúcia Garcia, figuran tamén Mitch, Tristán Ulloa, Celine Tyll, Miryam Gallego, Janet Novás, José Ángel Egido e Sara Casasnovas, entre outros nomes.
Romería conta a historia de Marina, quen viaxa a Vigo para coñecer a familia do seu pai biolóxico, falecido por mor da sida, ao igual que a súa nai, cando ela era moi pequena. Intenta deste xeito reconstruír un relato coherente do seu pai e da historia de amor coa súa nai, pero atópase de fronte coa vergoña que aínda senten os seus tíos e avós polo pasado da parella e os seus conflitos coa droga.