O circuíto da Xunta 'Cultura no camiño' congregou 80.000 persoas nas máis e 650 actuacións ofrecidas en 164 concellos
O programa pechou a semana pasada a súa novena edición, na que desde mediados do mes de xullo participaron unhas 240 formacións galegas de teatro, danza, música, novo circo e maxia dentro da programación do Xacobeo 21-22
O Goberno galego investiu 1M, un 33% máis que o ano pasado, nas subvencións para contratacións artísticas por parte das entidades locais participantes

Máis de 80.000 persoas gozaron dos espectáculos programados este verán ao abeiro do circuíto da Xunta de Galicia Cultura no camiño, que a semana pasada puxo fin á súa novena edición despois de ter ofrecido máis de 650 actuacións desde mediados do mes de xullo nos 164 concellos adheridos. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Turismo de Galicia volveron colaborar no seu desenvolvemento, para o que se contou tamén co patrocinio de Gadis e que implicou a contratación de 240 formacións galegas de teatro, danza, música, novo circo e maxia.
Malia as limitacións da capacidade en cumprimento das medidas sanitarias vixentes en cada momento, a boa resposta por parte do público reforza o papel deste programa autonómico no impulso da dinamización cultural a través dunha oferta descentralizada de artes escénicas e de música, que desta volta se inseriu ademais na celebración do Xacobeo 21-22.
De feito, este ano rexistrouse un récord no número de entidades locais participantes, cun incremento do 25% respecto ao ano pasado e de máis do dobre en relación á edición de 2019, así como un reforzo do investimento por parte do Goberno galego como unha das medidas do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos da covid-19.
Nesta novena edición, a Xunta destinou 1M€ −un 33% máis que en 2020− a subvencionar a contratación por parte dos concellos de 240 compañías escénicas e grupos musicais de carácter profesional e con sede en Galicia. Por xéneros artísticos, ademais do teatro cunha cifra superior ás 220 funcións, destacou a forte presenza da música con preto de 200 concertos, o novo circo con 130 citas e a maxia cun centenar de actuacións.