O circo protagoniza por primeira vez unha produción propia do Centro Dramático Galego en ‘A serie clopen’
A unidade teatral da Xunta inaugura a temporada 2025-2026 coa estrea, o xoves 11, desta proposta dirixida por Pablo Reboleiro, quen é tamén autor da dramaturxia xunto a Clara Gayo
Marián Bañobre, Luz García, Johanna Hess, Raquel Oitavén, Natalia Pajarito, Inés Santos e Guillermo Solo interpretan esta montaxe botando man das artes circenses, o humor e a música para reflexionar sobre o momento actual e os retos da mocidade

O Centro Dramático Galego inaugura a súa nova temporada escénica coa estrea, este xoves 11 de setembro no Salón Teatro de Santiago de Compostela, do espectáculo A serie clopen, primeira produción propia da compañía pública co circo como eixo central. Con dirección escénica de Pablo Reboleiro, quen asina tamén a dramaturxia xunto con Clara Gayo, as artes circenses como clown, acrobacias, malabares ou aéreos son protagonistas nesta montaxe multidisciplinar, na que a música e o humor teñen igualmente un peso importante á hora de propoñer unha reflexión crítica sobre o momento actual e os retos da mocidade.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, presentaron A serie clopen canda o seu equipo artístico, que estivo representado nas intervencións por Pablo Reboleiro, Clara Gayo e a intérprete Raquel Oitavén.
Aposta pola innovación
Sutil explicou que con esta proposta, “o circo —con toda a súa riqueza artística— protagoniza por vez primeira unha produción do Centro Dramático Galego”, ao tempo que indicou que se ben desde a unidade teatral da Xunta xa se lle viña prestando atención a esta arte escénica través de coproducións e colaboracións con outras compañías e asociacións, agora dá un paso máis na súa “aposta por incorporala ao seu propio repertorio”. Faino, ademais, dun xeito innovador, na procura de novos códigos e realidades escénicas nas que convivan as diferentes modalidades artísticas, e pensando, así mesmo, en chegar a todos os públicos e, moi especialmente, ao adolescente.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén puxo o foco na contrastada calidade do equipo do espectáculo, no que —continuou— se atopan “nomes que son historia viva da profesionalización do circo en Galicia xunto a outros que, pola súa xuventude, fannos ser moi optimistas sobre o futuro do sector”.
Así, o elenco está composto por Marián Bañobre, Luz García, Johanna Hess, Raquel Oitavén, Natalia Pajarito, Inés Santos e Guillermo Solo, que poñen en escena unha historia arredor do circo, a historia e as matemáticas. Estas últimas son unha das paixóns de Alicia, unha adolescente que, a través delas, busca darlles resposta aos paradoxos da sociedade actual desde a canle que abre nunha rede social co seu cuarto, aínda cheo de bonecas e xoguetes, como escenario.
No equipo artístico atópanse tamén Laura Iturralde na iluminación e videoescena, así como no deseño da escenografía xunto con José Faro; Erea Pérez e Paula Quintas na maquillaxe e caracterización, Marta Alonso Tejada no movemento escénico e coreografía, José Expósito na asistencia de circo, Marcos PTT no espazo sonoro e asistencia de dirección, Xosé Lois Romero na composición musical e Santi Romay na asistencia de produción.
Público de 45 concellos
Como nas súas anteriores producións, a compañía institucional pon a disposición dos concellos galegos a campaña de mobilidade Sobes ao autobús do teatro? para facilitarlles o desprazamento a Santiago de Compostela para asistir as representacións. Neste caso, o Salón Teatro recibirá público chegado desde preto de 45 municipios das catro provincias.
Disponse tamén das habituais medidas de accesibilidade, entre as que se inclúe interpretación a lingua de signos, audiodescrición e subtítulos para o teléfono, ademais das funcións descontraídas dos mércores cunha atmosfera acolledora e maior tolerancia respecto do ruído e movemento no patio de butacas.
A serie clopen permanecerá en cartel en Santiago de Compostela ata o 26 de outubro, con cinco funcións semanais, de mércores a domingos, ás 18,00 h. Tras esta temporada de exhibición na sede do Centro Dramático Galego, o espectáculo poderá verse tamén noutros cinco espazos de Galicia e Portugal: Teatro Académico Gil Vicente de Coímbra o 30 de outubro, Auditorio Municipal Carmen Estévez Eguiagaray de Vilalba o 2 de novembro, o Teatro García de Resende de Évora o 4 de novembro, o Auditorio Municipal de Rianxo o 6 de novembro, e Auditorio Municipal de Quiroga o 9 de novembro.
As entradas para as funcións en Santiago de Compostela desta nova produción do Centro Dramático Galego atópanse xa á venda na web ataquilla.com e tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro os días de función desde as 16,00 h.