Share

O cine de Warren Sonbert protagoniza o mes de outubro na Filmoteca de Galicia xunto cos festivais Intersección e Animacción

A cinemateca da Xunta abre o mes cun ciclo arredor do cineasta experimental estadounidense, organizado en colaboración coa Filmoteca de Catalunya e o Círculo de Bellas Artes de Madrid

A programación inclúe tamén o peche da retrospectiva de Kleber Mendonça Filho e  novas entregas de ‘Fóra de serie’ e de ‘Materiais para unha historia do cine en Galicia’

Intersección desenvolverá parte da súa programación na sala José Sellier do 13 ao 17 de outubro, mentres que Animacción ocupará as últimas sesións do mes, do 28 ao 31 

A Filmoteca de Galicia abre a súa programación de outubro cun ciclo dedicado ao cineasta experimental estadounidense Warren Sonbert, principal foco propio dun mes no que a sede da cinemateca da Xunta na Coruña acollerá tamén parte das programacións dos festivais Intersección, do 13 ao 17 de outubro, e Animacción, do 28 ao 31.

A carteleira mensual da Sala José Sellier complétase co peche da retrospectiva dedicada ao brasileiro Kleber Mendonça Filho, novas propostas dentro da sección Fóra de serie e novas entregas de Materiais para unha historia do cine en Galicia, con tres sesións centradas na conservación e difusión do patrimonio audiovisual.

O ciclo Ponte aérea: o cine de Warren Sonbert, que se desenvolverá ata o 10 de outubro, está comisariado por Francisco Algarín Navarro e Carlos Saldaña e foi organizado pola cinemateca galega en colaboración coa Filmoteca de Catalunya e co Círculo de Bellas Artes de Madrid.

A proposta combina seis sesións dedicadas á súa filmografía con tres clásicos de Dziga Vertov, Douglas Sirk e Alfred Hitchcock, sobre os que o propio cineasta escribiu ao longo da súa vida. Así, poderán verse La sexta parte del mundo (día 2), Escrito en el viento (día 6) e Marnie, la ladrona (día 9), xunto a títulos de Sonbert como Carriage Trade, The Tenth Legion, Whiplash, Honor and Obey, Where Did Our Love Go? ou Hall of Mirrors.

Presentacións dos comisarios do ciclo

A retrospectiva abrirase ás 18,30 h. desta mesma tarde cunha conferencia de Francisco Algarín Navarro sobre a obra do realizador, acompañada pola proxección de Divided Loyalties. O propio Algarín presentará as primeiras sesións do ciclo, mentres que Carlos Saldaña, as da semana que vén.

Por outra banda, a filmoteca pecha este mes o ciclo dedicado a Kleber Mendonça Filho con dúas das súas películas máis recentes, vencelladas ambas á súa cidade natal, Recife. O día 20 proxectarase Retratos fantasma, documental no que percorre a memoria das salas e espazos cinematográficos da cidade, mentres que o día 21 será a quenda de El agente secreto.

No marco da sección Fóra de serie, o día 8 prográmase La noche está marchándose ya, de Ezequiel Salinas e Ramiro Sonzini, cunha presentación deste último, mentres que o día 22 chegará La deriva (Dust), de Tsai Ming-liang, último capítulo da serie arredor do personaxe do Caminante, filmado en San Sebastián. A sección inclúe tamén Prime Time: A True Story, de Gus Van Sant, e Rondallas, de Daniel Sánchez Arévalo.

Neste mesmo apartado, a cinemateca da Xunta celebrará o Día do Cine Español o 6 de outubro coa exhibición da restauración de Angustia, de José Antonio Nieves Conde, preparada por Filmoteca Española para a ocasión. A sesión será presentada polo historiador José Luis Castro de Paz, especialista na obra do director, e terá entrada de balde.

Festivais e patrimonio audiovisual galego

Entre os días 13 e 17, a sala José Sellier acollerá distintas sesións de Intersección, festival apoiado pola Xunta de Galicia. A programación inclúe seis bloques internacionais, unha sesión arredor de Eva Giolo e Aula CREA, e dúas propostas de Square Eyes.

Xa na última semana do mes, Animacción desenvolverá do 28 ao 31 o seu Concurso Infantil, o Concurso Galicia e o Concurso Xeral, ademais de pases con O mellor de Annecy 2026 e O mellor de Annecy Kids 2026. Tamén se proxectarán Little Amélie, de Maïlys Vallade e Liane-Cho Han, e Olivia y el terremoto invisible, de Irene Iborra Rizo.

A programación complétase co regreso da sección Materiais para unha historia do cine en Galicia. O día 23, unha sesión comisariada por Pepe Coira a partir dos fondos conservados no arquivo da Filmoteca achegarase á obra do cineasta afeccionado Rafael Luca de Tena. O 27 de outubro, coincidindo co Día Mundial do Patrimonio Audiovisual, proxectarase unha selección de obras de José Bellver Álvarez e recuperaranse as restauracións dos cinco filmes producidos por Víctor Ruppen entre 1975 e 1977: Fendetestas, Illa, O herdeiro, O cadaleito e O pai de Migueliño.