O ciclo 'Viraxes' une o repertorio tradicional das bandas populares co circo, o teatro e a música clásica
O Gaiás acolle en setembro e decembro tres espectáculos nos que a Banda de Música Municipal de Valga, a Unión de Guláns e a Unión Musical de Meaño fusionan o seu repertorio con outros xéneros e formatos
Unha versión en galego da popular cantata Carmina Burana de Carl Orff abre o ciclo o 21 de setembro con 150 artistas sobre o escenario e entrada de balde
Os proxectos foron gañadores da convocatoria Innova, lanzada pola Federación Galega de Bandas de Música e a Agadic para fomentar a experimentación musical
![O ciclo 'Viraxes' une o repertorio tradicional das bandas populares co circo, o teatro e a música clásica](/sites/default/files/styles/main_image/public/img/novas/imagen16111111111.jpg?itok=I-d_b8tx)
O ciclo Viraxes propón tres espectáculos amenos e diferentes, creados por bandas de música de Galicia, que en setembro e decembro levarán á Cidade da Cultura as súas propostas de experimentación musical nas que se atreven con xéneros como o circo, o teatro ou a música clásica. Nestes tres concertos, a Banda de Música Municipal de Valga, a Unión Musical de Meaño e a Unión de Guláns danlle unha volta ao seu repertorio máis tradicional unindo o seu talento ao do coro Gli Appassionati, o do grupo de teatro Todos Xuntos ou o da compañía galega de circo Pistacatro.
Como resultado, Viraxes propón un plan de sábado, con entrada de balde, no que gozar en familia de propostas artísticas distintas e divertidas, que de seguro gustarán tanto aos maiores como aos pequenos da casa. Os concertos foron galardoados na convocatoria dos premios Innova, promovida en 2019 pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) e a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para fomentar a experimentación e innovación no eido musical.
Carmina Burana en galego
O ciclo arranca no Xardín do Teatro do Gaiás o vindeiro sábado 21 de setembro coa popular Carmina Burana, a cantata escénica profana de Carl Orff que cativa a todo tipo de públicos coa súa espléndida percusión e riqueza rítmica que dá variedade ao conxunto e impide calquera monotonía.
A versión que se representará no Gaiás é unha tradución íntegra dos textos medievais ao galego, con música do século XX feita por músicos galegos e con máis de 150 artistas no escenario. Dirixido por Manuel Villar Touceda e interpretado pola Banda de Música Municipal de Valga e o coro Gli Appassionati e tres solistas (soprano, tenor e barítono), este Carmina Burana en galego exemplifica a busca de Orff dun formato que revele o poder elemental da música, permitindo ao oínte experimentala como unha forza primitiva e abrasadora.
O concerto terá lugar ás 18 horas e será de entrada libre e de balde ata completar a capacidade do auditorio ao aire libre do Xardín do Teatro da Cidade da Cultura.
Circo e teatro en decembro
Viraxescontinuará xa en decembro con outros dous espectáculos, que nesta ocasión terán lugar no Museo Centro Gaiás. Por unha banda, a Unión de Guláns –unha das bandas máis antigas de Galicia cunha traxectoria que se remonta ao século XIX– interpretará o 7 de decembro o espectáculo MIB: Músicos in Black, xunto ao grupo de teatro Todos Xuntos. Trátase dun proxecto teatral nado da colaboración entre ambas formacións artísticas e coa implicación de toda a veciñanza desta pequena aldea de Ponteareas. MIB tráenos un relato sobre a importancia da música na vida cotiá, contándonos en clave de humor os hilarantes sucesos que acontecen tras unha aterraxe alieníxena nunha aldea galega.
O sábado 14 de decembro o circo protagonizará o último dos espectáculos de Viraxes co proxecto Orquestra de malabares, da Unión Musical de Meaño e a compañía galega de novo circo Pistacatro. O espectáculo está concibido para asistentes de todas as idades, aínda que se dirixe especialmente a un público infantil e familiar, que de seguro gozará desta abraiante danza aérea nun diálogo escénico entre seis malabaristas e unha banda de música.