O ciclo da Xunta 'Cultura no Camiño' programa 284 actuacións en 76 concellos das 10 rutas xacobeas
A sétima edición desta iniciativa, que se desenvolve ata finais de setembro, conta cun investimento de máis de 450.000 euros por parte da Consellería de Cultura e Turismo e dos municipios asociados
O seu obxectivo é dinamizar a oferta cultural das localidades do Camiño, ao tempo que se favorece a contratación de espectáculos galegos coa participación de 127 compañías escénicas e grupos de música profesionais
A Xunta de Galicia está a promover por sétimo ano consecutivo o ciclo Cultura no Camiño, que acolle, ata finais de setembro, 284 actuacións escénicas e musicais en 76 dos concellos polos que discorren as 10 rutas xacobeas en Galicia. Esta iniciativa, impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo en colaboración cos municipios asociados en cada edición, volve contar ademais co patrocinio de Gadis.
O programa mantén como principal obxectivo a dinamización e descentralización da oferta cultural galega, ao tempo que favorece a contratación de espectáculos producidos en Galicia de xeito profesional. De feito, Cultura no Camiño conta este ano cun orzamento de máis de 450.000 euros, asumido pola Xunta e mais os concellos participantes, para costear os caches artísticos das 127 compañías escénicas e grupos de musica contratados a través deste circuíto.
A sétima edición, que arrancou en maio e se prolongará ata finais de setembro, intensifica a súa actividade durante o período vacacional, coincidindo cunha maior afluencia de peregrinos e contribuíndo tamén a enriquecer o programa turístico das localidades nas que se celebra. Todas elas están situadas nalgunha das rutas de peregrinación polas que discorre o Camiño de Santiago en Galicia: Camiño Francés, Camiño de Fisterra-Muxía, Camiño de Inverno, Camiño do Norte, Camiño do Sueste-Vía da Prata, Camiño Inglés, Camiño Portugués, Camiño Portugués pola Costa, Camiño Primitivo e Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.
Municipios asociados
Por provincias, 107 das actuacións teñen lugar en 29 concellos coruñeses (A Pobra do Caramiñal, Ames, Arzúa, Boiro, Boqueixón, Cabanas, Cambre, Carral, Cee, Culleredo, Dumbría, Fene, Fisterra, Miño, Narón, Neda, Negreira, O Pino, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Sobrado, Teo e Vilasantar); en Lugo, 20 concellos ofrecerán 74 citas (A Fonsagrada, Baleira, Barreiros, Begonte, Castroverde, Chantada, Friol, Guitiriz, Guntín, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Palas de Rei, Pantón, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribadeo, Sarria, Trabada e Vilalba); 11 concellos de Ourense achéganlle ao seu público 44 funcións (A Mezquita, Allariz, Baños de Molgas, Monterrei, O Barco de Valdeorras, Riós, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Sandiás, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia); e en Pontevedra, 16 municipios programan 59 representacións (A Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Meaño, O Grove, O Porriño, O Rosal, Pontecesures, Portas, Redondela, Rodeiro, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Vilaboa e Vilanova de Arousa).
Ademais, o programa ofrece unha destacada escolma da actual produción escénica e musical galega con nomes como Mago Teto, Cayetano Llefó, Martín Camiña, A Banda de Balbina, Aldaolado, De Vacas, Habitación Vudú, Leilía, Rodrigo Romaní, Roi Casal, Silvia Penide, The Lákazans, Xacobe Martínez Antelo, Xoan Curiel, Magín Blanco, Pistacatro, Culturactiva, Redrum Teatro, Baobab, Elefante Elegante, Os Monicreques de Kukas ou Títeres Cachirulo, citando tan só algúns dos grupos e artistas incluídos nesta ampla carteleira. Moitas das súas actuacións, e sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, organízanse en emprazamentos ao aire libre, co que se multiplica a súa visibilidade e o seu labor de dinamización cultural.
Catorce funcións e concertos na fin de semana
Este mes de agosto está a ser o de maior actividade dentro do ciclo, con 123 propostas para todos os públicos. Catorce delas terán lugar esta fin de semana, con seis actuacións hoxe venres nas rúas de Boiro (Crunch!, de Muu, ás 12,00 h.), na praza do Concello de Trabada (Pasarrúas máxico, de O Mago Paco, ás 18,00 h.) e na de Riós (Pavillón Lino, de Caramuxo Teatro, ás 20,00 h.), no Centro Cultural Municipal de Rodeiro (Eu quero ser galega, de De Ste Xeito Producións, ás 20,00 h.), na praza do Corgo do Grove (E se os soños se cumpren!, de O Garaxe Hermenéutico, ás 21,30 h.) e na praza da Vila de Sarria (Odaiko, ás 21,30 h.).
Mañá, sábado 17, será a quenda do Mago Teto, na praza de España da Fonsagrada (17,00 h.), Xoan Curiel, na praza do Camiño de Portomarín (20,00 h.), Culturactiva con Saaabor!, na praza Maior de Xinzo de Limia (20,00 h.), María Faltri Picadiscos, no campo de Vilanova de Allariz (20,30 h.) e Leilía (na imaxe), celebrando o seu 30º aniversario no refuxio de pescadores de Covas, en Negreira (22,00 h.).
Para o domingo 18, Cultura no Camiño ten preparados outros tres concertos: Laroá, no campo de Vilanova de Allariz (19,00 h.), Black, no campo da Igrexa de Cambre (20,30 h.) e A Gramola Gominola, na praza do Concello de Trabada (21,00 h.).