Share

O CGAI celebra mañá o Día do Patrimonio Audiovisual coa estrea en Galicia da restauración da primeira película polícroma española

Colaborou con Filmoteca Española na recuperación da cor orixinal de ‘Pontevedra, cuna de Colón’, fita rodada en 1927 polofotógrafo, cineasta e investigador Enrique Barreiro

O director da Agadic, Jacobo Sutil, e o programador do CGAI, Jaime Pena, presentarán a proxección do filme, que terá lugar mañá martes ás 19,30 h. con entrada de balde

O CGAI celebra mañá o Día do Patrimonio Audiovisual coa estrea en Galicia da restauración da primeira película polícroma española

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia)exhibe mañá, martes 27 de outubro, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Patrimonio Audiovisual da Unesco, a curtametraxe documental Pontevedra, cuna de Colón. Será o primeiro pase en pantalla grande en Galicia desta fitarodada en 1927 na cidade de Pontevedra polo fotógrafo, cineasta e investigador Enrique Barreiro ecatalogada como a primeira película polícroma española, tras ser recuperada polo CGAI e a Filmoteca Española.
 
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, e o programador do CGAI, Jaime Pena, serán os encargados de realizar unha breve presentación da fita, realizada cun sistema de cor experimental que o propio Barreiro patentou baixo a denominación Cromacolor e agora restaurada polo Centro de Conservación e Restauración de Filmoteca Española.
 
A peza, que desenvolve ao longo de 23 minutos a tese da orixe pontevedresa de Cristóbal Colón defendida por varios historiadores citados na película, serviulle a Enrique Barreiro −unha das figuras máis importantes do cine galego nos anos vinte e trinta xunto co seu irmán Ramón−como campo de probas nos seus experimentos para dotar de cor á imaxe cinematográfica.
 
Os traballos realizados por Filmoteca Española para restituírlle a cor orixinal á fita consistiron na combinación dos últimos procesos dixitais coa intervención manual, ata acadar un resultado óptimo e o máis fidedigno posible co orixinal. Máis alá do mecanismo técnico de recuperación da película, o traballo permitiu afondar documentalmente no modo en que Barreiro trasladou os seus experimentos para dotar de cor á imaxe cinematográfica.
 
Pioneira no uso do Cromacolor
Pontevedra, cuna de Colón foi pioneira no uso do Cromacolor, un filtro rotatorio que consta dunha parte de cor vermella e outra entre verde e amarela cunha franxa azul. O negativo ía capturando a resposta a estes tons no negativo en fotogramas alternos, ordenados tamén por cores. Unha vez revelada a película, os fotogramas tinguíanse alternativamente dunha cor vermella e verde con matices azuis, de xeito que ao seren proxectados a gran velocidade, a persistencia na retina facía a mestura e a imaxe víase en cor.
 
Ao levar a cabo a dixitalización, recobráronse as cores en cada fotograma, pero non se combinaban ao proxectárense. Con todo, xa que a información da cor si que estaba dispoñible en cada un eles, foi posible recrear de forma manual superpoñendo cada parella de fotogramas restablecendo a cor vermella e a verde azulada. O proceso de recuperación de toda a metraxe foi enormemente laborioso, xa que se tiveron que tratar individualmente, en maior o menor medida, 20.000 dos 33.000 fotogramas que compoñen o filme.
 
Colección Barreiro no arquivo fílmico 
A iniciativa forma parte dun proxecto que podería ampliarse para abordar de xeito conxunto todos os materiais que compoñen a colección Barreiro, depositada pola familia do cineasta pontevedrés na filmoteca da Xunta de Galicia. De feito, no CGAI téñense restaurado xa varias películas documentais de principios dos anos 30, xa que os herdeiros dos irmáns Enrique e Ramón Barreiro, considerados dous pioneiros do cinema en Galicia, entregaron ao arquivo fílmico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade gran cantidade de materiais da época, tamén distintas probas de cor. De feito, unha copia en branco en negro de Pontevedra, cuna de Colón está accesible actualmente a través da web www.cgai.xunta.gal.
 
A exhibición está prevista para as 19,30 h. e a entrada é de balde ata completar o cincuenta por cento da capacidade da sala, dando cumprimento ás medidas sanitarias derivadas da covid-19.

-Ficha do evento