O Centro Dramático Galego retoma as funcións do espectáculo ‘A serie clopen’ tras o éxito da súa estrea no Salón Teatro de Santiago
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistiu á representación desta nova produción da compañía pública na súa sede compostelá, onde permanecerá en cartel ata o 26 de outubro con pases de mércores a domingos

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistiu no Salón Teatro de Santiago de Compostela ao espectáculo do Centro Dramático Galego A serie clopen, que retoma as funcións tras a boa acollida do público na súa estrea a pasada fin de semana. Esta nova produción da compañía pública, que permanecerá en cartel ata o 26 de outubro, combina as artes circenses coas matemáticas e a historia para ofrecer unha reflexión crítica sobre os retos aos que se enfronta a mocidade actual.
A de hoxe foi, ademais, a primeira das seis funcións “descontraídas” deste espectáculo no Salón Teatro, onde os pases dos mércores se celebran nunha atmosfera acolledora e con maior tolerancia respecto do ruído e movemento no patio de butacas, no marco das medidas de accesibilidade e inclusión que desenvolve a unidade teatral da Xunta de Galicia. Nestas e no resto das representacións de A serie clopen, programadas de mércores a domingos, cóntase ademais con interpretación a lingua de signos, audiodescrición e subtítulos para o teléfono.
O novo espectáculo do Centro Dramático Galego está pensado para todos os públicos, pero co foco posto especialmente na adolescencia a través dunha proposta moi áxil e visual, con divertidos acenos aos códigos de relación e á linguaxe da mocidade, para falar dos riscos do uso indiscriminado da tecnoloxía e as redes sociais, entre outros temas.
As entradas para ver A serie clopen en Santiago de Compostela poden adquirirse tanto na web ataquilla.com como no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto ao público os días de función desde as 16,00 h.