A oitava edición do festival Intersección converterá A Coruña en escaparate das novas linguaxes do cinema
Máis de 100 filmes independentes de 17 países forman o programa, que inclúe tres apartados a concurso
A Sección Galicia presenta 11 filmes que ofrecen unha ampla panorámica da creación audiovisual galega contemporánea
O evento conta con dobre subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través das convocatorias de axudas a festivais profesionais do sector e a laboratorios audiovisuais

O festival Internacional Intersección da Coruña presentou hoxe a programación completa da súa oitava edición que se desenvolverá co apoio da Xunta do 26 de setembro ao 4 de outubro para ofrecer máis de 100 de películas independentes de 17 países e situarse como punto de encontro do cinema contemporáneo
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude contribúe un ano máis á celebración deste certame, como beneficiario da liña de subvencións a festivais profesionais do sector, unha convocatoria que lles adxudicou este ano 300.000 euros a 10 mostras audiovisuais. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, fixo referencia a este investimento durante a súa participación no acto de presentación celebrado nos Cantones Cines, unha das sedes principais do evento xunto á Filmoteca de Galicia e outros espazos da cidade.
Punto de encontro para profesionais
Na súa intervención, Jacobo Sutil destacou, así mesmo, a relevancia de Intersección como punto de encontro para cineastas, produtoras e escolas de cinema de diversos países. É o caso de Nexus, o espazo da industria no festival, no que se enmarca o Intersección Lab, apartado tamén subvencionado polo Goberno galego a través da convocatoria específica para laboratorios, incubadoras e residencias de proxectos audiovisuais. Con esta iniciativa, o festival coruñés ofrece titorías especializadas a creadoras e creadores galegos en fase de desenvolvemento. Este ano, os proxectos que gozan deste acompañamento son Antes de nada, de Sabela Eiriz; Cando as árbores choran, de Miguel Bouzas; GRISGRIS, de Raúl Capdevila Murillo; Lembrarás como bailabas, de Alba Gallego; Miñacora, de Eva Vaeli; Resonancias do escultor, de Uxía Caneda e Javier Darriba; Só o ruído, de Santos Díaz; SOS, de Nicolás Martínez, e Wólfram, de Sara Gil Méndez.
Creación galega contemporánea
O responsable de Industrias Culturais subliñou o labor pioneiro de Intersección e a posibilidade que a cita lle ofrece ao público para ver obras non convencionais que dificilmente se poden atopar en circuítos comerciais. Tamén fixo especial fincapé no papel do certame á hora de poñer en valor o audiovisual galego contemporáneo. Así, na Sección Galicia competirán este ano 11 filmes que viaxan da memoria íntima á mitoloxía, ou da exploración ecolóxica ás identidades disidentes. Destacan, neste sentido, as proxeccións de Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras, Maldito Espírito, de Carlos Martínez-Peñalver e Alboroque, de Sabrina Fernández Casas.
Ademais, a Xunta de Galicia préstalle servizo a Intersección coa cesión da Sala José Sellier da Filmoteca de Galicia, co que facilitará unha das catro pantallas do festival, en seguimento da dinámica levada a cabo durante todo o ano pola cinemateca pública galega no sentido de brindarlles apoio loxístico e amplificar a difusión dos principais eventos do ámbito audiovisual que se celebran na nosa Comunidade.
Sete estreas mundiais
Baixo a dirección de Gonzalo E. Veloso, Intersección 2025 programa 17 filmes inéditos en España, dos que sete serán estrea mundial. A sección Internacional ofrece unha viaxe polas grandes preguntas do presente a través de linguaxes radicais e inesperadas, onde destacan filmes rodados en formato de videoxogos como World at Stake (Total Refusal, Austria), retratos da desigualdade como Fear Fokol (Tuva Björk, Suecia) ou a inmersión no cinema erótico filipino en Bomba Bernal (Khavn, Filipinas). Pola súa banda, a sección Fulgor estará dedicada ás voces máis novas e, nesta edición, reúne 11 obras que exploran a memoria, o corpo e a intimidade.
O festival tamén acollerá a retrospectiva máis completa de Travis & Erin Wilkerson, incluíndo a estrea mundial da exposición expandida Nuclear Family: Fieldwork, inicialmente ideada para a Bienal de Venecia 2020. Esta experiencia compleméntase coa mostra Todo o que herdamos, que reúne unha nova xeración de artistas galegos en diálogo co traballo dos Wilkerson.
Unha novidade de Intersección 2025 será o World Film School Meeting, que reunirá estudantes e docentes de escolas de cinema de distintos países para compartir proxeccións, diálogos e experiencia profesional e situará A Coruña como un lugar clave para pensar e construír o cinema contemporáneo.