Share
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura visitaron o equipo durante a residencia previa realizada para a montaxe

O Centro Dramático Galego prepara a coprodución internacional ‘A Gaivota, ensaio aberto’ cara á súa estrea o 1 de outubro

Santiago Cortegoso e Neto Portela asumen a dramaturxia e a dirección de escena desta proposta realizada a partir do clásico de Antón Chejov 

Integran o trío interpretativo Déborah Vukusic, Mercedes Castro e Uxía Suevos

As localidades para as catro funcións xa están á venda na platraforma Ataquilla

O Centro Dramático Galego porá en escena do un ao catro de outubro, no Salón Teatro de Santiago de Compostela, a coprodución A gaivota, ensaio aberto, tras realizar estes días na Cidade da Cultura unha estadía técnica e artística no marco do programa DescArtes das Residencias artísticas do Gaiás.

Trátase dunha iniciativa na que participa todo o equipo do espectáculo, que conta coa colaboración de varias estruturas teatrais internacionais e dirección e dramaturxia compartidas entre o galego Santiago Cortegoso e o luso Neto Portela. Aos ensaios acudiron hoxe o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, que coñeceron así de primeira man o avance da que será unha das propostas inaugurais da nova temporada escénica 2026-2027 da compañía de teatro da Xunta de Galicia, e para a que xa se poden adquirir as localidades, á venda na web da plataforma Ataquilla.

A gaivota, ensaio aberto é unha coprodución entre o Centro Dramático Galego, a compañía galega Crémilo, a portuguesa Colectivo 84, Teatro San Martín de Buenos Aires (A Arxentina), Teatro del Galpón de Montevideo (O Uruguai) e outras entidades internacionais. O proxecto foi creado nas Residencias ArtisTEA do Concello de Ponteareas e conta coa colaboración do Padroado da Cultura de Narón e do Ministerio de Cultura de Cabo Verde.

A partir do clásico de Antón Chejov, Santiago Cortegoso e Neto Portela asinan unha proposta dramática arredor dunha situación metateatral límite: que ocorre cando na véspera da estrea de A gaivota, as actrices principais teñen que ser substituídas. Constrúese así un ensaio aberto que se transforma en espectáculo. Fragmentos da obra orixinal do autor ruso entrelázanse con experiencias persoais nunha interpretación que corre a cargo de Déborah Vukusic, Mercedes Castro e Uxía Suevos.