Share

O Centro Dramático Galego inicia os ensaios de 'Divinas palabras' cara á súa estrea o 12 de abril

Xesús Ron dirixe un elenco integrado por Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Antón Coucheiro, Borja Fernández, Mónica García, Tone Martínez, Victoria Pérez, Ánxela Ríos e Tomé Viéitez

O equipo artístico traballa xa co persoal técnico do CDG nesta primeira versión en galego dunha das obras teatrais máis coñecidas de Valle-Inclán, que será abordada desde unha ollada actual

O Centro Dramático Galego inicia os ensaios de 'Divinas palabras' cara á súa estrea o 12 de abril

O equipo artístico e técnico de Divinas palabras, a nova produción que o Centro Dramático Galego (CDG) estreará o 12 de abril no Salón Teatro de Santiago de Compostela, acaba de iniciar neste escenario os ensaios da que será a primeira versión en lingua galega da coñecida obra de Ramón María del Valle-Inclán.
Xunto con Xesús Ron, director do espectáculo, incorporáronse ás primeiras sesións de traballo os nove integrantes do elenco: Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés, nos papeis protagonistas de Mari Gaila e Pedro Gailo, e Antón Coucheiro (como Sétimo Miau), Borja Fernández (Miguelín), Mónica García (Marica del Reino), Tone Martínez (Pedáneo), Victoria Pérez (Tatula), Ánxela Ríos (Simoniña) e Tomé Viéitez (Laureano). Estes sete últimos intérpretes foron elixidos tras superar un proceso público de selección para o que o CDG recibiu 169 solicitudes.
 
Ao tempo, o persoal técnico da compañía da Xunta de Galicia traballa xa co resto do equipo artístico de Divinas palabras para comezar a darlle forma a esta “traxicomedia de aldea”, como a subtitulou o propio autor, da que o Centro Dramático Galego ofrecerá unha adaptación desinhibida e actual. Suso Montero está a deseñar a escenografía, Mar Fraga o vestiario, Fidel Vázquez a iluminación e Fanny Bello a caracterización, mentres que Cuco Pino realiza os vídeos, Arantza Villar ocupa a asistencia de dirección e José Díaz, a de produción.  
 
Os ensaios, que están a comezar coas primeiras lecturas conxuntas do texto traducido e adaptado por Manuel Cortés, estenderanse durante dous meses. O 12 de abril terá lugar a estrea do espectáculo no Salón Teatro, sede do CDG, onde poderá verse ata o 29 de abril. Divinas palabras iniciará a continuación unha xira ata xullo que, ademais de recalar en diferentes escenarios galegos, inclúe 10 días de representacións no Teatro Español de Madrid no mes de maio.