O Centro Coreográfico Galego programa nove cursos de danza, prevención de lesións e xestión cultural
A danza contemporánea abrirá en maio esta oferta formativa, con cadanseu taller de creación e composición coreográfica impartidos por Esther Latorre e Mercé de Rande
Os encontros desenvolveranse en diferentes datas ata primeiros de outubro e o prazo de solicitude estará aberto do 12 de abril ao 14 de maio
Abordarase tamén a técnica Laban con Paula Quintas, a clásica con Carmen Paris, Adapt Method con María Jesús Peces-Barba, tap dance con John OBrien, Drop&Catch con Dana Raz e Sharon Friedman, así como diferentes estilos de danza urbana

Nove cursos sobre diferentes estilos de danza, prevención de lesións e xestión cultural neste sector configuran a oferta formativa que a Xunta de Galicia desenvolverá na sede do Centro Coreográfico Galego na Coruña entre os meses de maio e outubro. Dirixido prioritariamente a profesionais e estudantes, aínda que aberto tamén a todas as persoas interesadas nesta arte, no programa teñen cabida técnicas contemporáneas, clásicas, urbanas e tap dance, para o que a unidade coreográfica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade volve contar cun profesorado integrado por recoñecidos nomes no seu ámbito.
O taller de creación de danza contemporánea Traballando desde o mapa abrirá os días 8 e 9 de maio esta nova edición dos cursos do Centro Coreográfico Galego coa bailarina e coreógrafa galega Esther Latorre (na imaxe), do colectivo Glovo. A artista multidisciplinar Mercé de Rande tomará o testemuño os días 15 e 16 dese mesmo mes con Choreo Toolbox. Ferramentas para a composición coreográfica, a través do que lles achegará aos participantes un amplo abano de recursos para lle dar forma ás súas propias pezas.
O día 5 de xuño será a quenda de Paula Quintas, integrante da compañía trasPediante e codirectora do festival Corpo(a)Terra de Ourense, quen impartirá no Centro Coreográfico o obradoiro Procura do movemento a través da técnica Laban.
Catro citas en xullo
A actividade formativa intensificarase no mes de xullo con outras catro citas, que darán comenzo entre os días 5 e 9 co curso de danza clásica A entrada ao mundo profesional. Con el, a profesora Carmen Paris regresa á Coruña para asesorar de maneira particularizada os participantes sobre o desenvolvemento das súas carreiras no mundo do baile.
Na semana seguinte, do 12 ao 15 de xullo, a fisioterapeuta, osteópata e exbailarina María Jesús Peces-Barba aprenderalles aos asistentes como mellorar o coñecemento do seu corpo para coidalo e potencialo a través do taller de prevención de lesións Adapt Method.
A continuación, do 19 ao 23 de xullo, terán lugar cinco clases maxistrais centradas noutros tantos estilos de danzas urbanas e dirixidas non só a bailaríns iniciados nelas, xa que a súa capacidade para mobilizar todo o corpo e aumentar o sentido do ritmo pode servir de complemento a calquera técnica de baile. Estas citas xirarán arredor do hip hop e do popping con Alba Fernández Cotelo, breaking dance con Samuel Galán, locking con Noelia López e waacking con Sabela Domínguez.
Para rematar a oferta de xullo, o especialista en tap dance John O’Brien impartirá o seu curso entre os días 26 e 30. Polas especiais características do claqué, estas clases están indicadas para todas aquelas persoas que busquen mellorar a súa habilidade, capacidade de movemento e ritmo, aplicándoo despois a calquera disciplina de baile.
Pola súa banda, os bailaríns e coreógrafos de orixe israelí Dana Raz e Sharon Fridman ofrecerán do 3 ao 5 de setembro o obradoiro de danza contemporánea Drop & Catch, mentres que o xestor, produtor e distribuidor Manu Lago pechará o programa do 1 ao 3 de outubro cun taller no que compartirá a súa experiencia nestes ámbitos con artistas e compañías emerxentes que busquen abrirse un oco na escena coreográfica actual.
Inscricións
O prazo de inscrición para os nove cursos estará aberto do 12 de abril ao 14 de maio, seguindo as instrucións que se activarán na sección avisos desta web e na do propio Centro Coreográfico Galego. As prazas dispoñibles en cada caso habilitaranse en función da capacidade indicada polas autoridades sanitarias nas respectivas datas de celebración.
O prezos por cada un dos encontros oscilan entre os 30 e os 50 euros, con descontos para o alumnado que opte por realizar varios deles. No caso do de danza urbana, ofrécese a oportunidade de inscribirse nunha ou varias das cinco clases maxistrais programadas, cun importe de 15 euros por cada unha delas ou de 50 euros o curso completo.