O Centro Coreográfico Galego inicia unha nova edición dos seus cursos de verán con seis encontros ata agosto
O primeiro deles está a ser impartido por Carmen Paris, á que seguirán Ruth Maroto, David Mur, John OBrien, Gonzalo Zaragoza, Virginia Valero e Ángela Rodríguez como mestres de danza clásica, contemporánea, musical jazz e tap dance
Dirixidos a profesionais e estudantes, manterán aberto cadanseu prazo de solicitude ata unha semana antes do comezo
O Centro Coreográfico Galego (CCG) está a iniciar esta semana unha nova edición do seu programa de cursos de verán, que durante este mes de xullo e ata primeiros de agosto ofrecerá seis encontros formativos na súa sede da Coruña. Clásico, contemporáneo, musical jazz e tap dance son os catro estilos arredor dos que xiran os obradoiros deste ano, para os que a unidade de danza da Consellería de Cultura e Turismo volve contar con recoñecidos profesionais no seu ámbito, como Carmen Paris, Ruth Maroto, David Mur, John O’Brien, Gonzalo Zaragoza, Virginia Valero e Ángela Rodríguez.
Centrado en danza clásica para nivel medio e avanzado, o primeiro deles está a ser impartido esta semana por Carmen Paris, profesora do Conservatorio de Danza de Murcia e do grao en Danza da Universidad Católica de San Antonio de Murcia, ademais de autora dun Diccionario biográfico de danza.
A danza clásica será tamén o obxecto do curso que desenvolverán do 29 de xullo ao 2 de agosto Gonzalo Zaragoza, xefe de estudos do Conservatorio Superior María de Ávila de Madrid, e Virginia Valero, profesora de Metodoloxía e Didáctica da Danza Clásica neste mesmo centro, do que foi directora. Ambos son colaboradores habituais nas ofertas formativas do Centro Coreográfico Galego e impartirán as súas clases en varias quendas, para traballar a técnica clásica e de puntas nos niveis medio e avanzado.
Pola súa banda, o estilo contemporáneo centrará outros dous dos encontros deste ano da man de Ruth Maroto e Ángela Rodríguez. A primeira delas, coreógrafa, bailarina e mestra convidada en numerosas entidades españolas e do resto de Europa, estará na Coruña do 11 ao 13 de xullo, mentres que Ángela Rodríguez, profesora especialista en danza contemporánea do María de Ávila, ofrecerá as súas clases do 29 de xullo ao 2 de agosto.
Musicais
En canto ao musical jazz, este programa de verán contará con David Mur do 15 ao 19 de xullo para compartir co alumnado a súa experiencia como coreógrafo, director e bailarín tanto en pezas clásicas como en numerosos musicais e galas televisivas. Na súa traxectoria figura, por exemplo, o seu labor como mestre dos bailaríns que levan a escena o personaxe protagonista na versión española do coñecido musical Billy Elliot.
Por último, o especialista en tap dance John O’Brien impartirá o seu curso do 22 ao 26 de xullo. El foi o responsable de devolver o claqué ao prime time da televisión española nun dos máis aplaudidos números musicais da gala de entrega dos Premios Goya de 2015. Na actualidade, é cantante protagonista de dous espectáculos propios, ambos os dous de jazz, nos que tamén baila tap acompañado pola súa orquestra e por un sexteto, respectivamente.
Dirixidos prioritariamente a profesionais e estudantes de danza, as persoas interesadas en asistir a cada un dos encontros deben inscribirse seguindo as indicacións recollidas na web do Centro Coreográfico Galego ata unha semana antes do comezo do curso correspondente. Habilítanse 20 prazas para cada unha das propostas ou niveis e o prezo da matrícula oscila entre os 40 e 50 euros, con descontos para o alumnado que opte por realizar varios cursos.