Share

O CDG inicia unha nova semana de 'Neorretranca e posmorriña' no Salón Teatro coa primeira das súas funcións para escolares

A compañía pública desenvolverá mañá e o mércores dous dos pases matinais concertados con institutos para achegarlle ao seu alumnado esta produción arredor da identidade galega

O espectáculo permanecerá en Santiago ata o 5 de maio, con funcións xerais de xoves a domingo e un programa de actividades complementarias como os Encontros co Público e os Domingos de Conciliación

O CDG inicia unha nova semana de 'Neorretranca e posmorriña' no Salón Teatro coa primeira das súas funcións para escolares

O Centro Dramático Galego (CDG) entra na terceira semana de representacións de Neorretranca e posmorriña no Salón Teatro de Santiago, onde poderá verse ata o vindeiro 5 de abril. A actividade retomarase mañá e o mércores cos primeiros pases matinais da campaña escolar da nova produción propia da compañía pública, dirixida por Gena Baamonde a partir dos textos Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte.
Tras estas funcións, dirixidas ao alumnado de 4º de ESO e de Bacharelato de diferentes institutos da comarca compostelá, están previstas catro novas citas co público xeral nos horarios habituais: xoves, venres e sábado ás 20,30 h. e o domingo ás 18.00 h. Así mesmo, ao finalizar o pase do día 25, os espectadores terán a oportunidade de participar nun coloquio co equipo do espectáculo nunha nova sesión dos Encontros co Público.
 
Esta semana haberá tamén outro Domingo de Conciliación, un servizo gratuíto do Centro Dramático Galego para que as nenas e nenos gocen dun taller de artes escénicas mentres os seus maiores asisten ao espectáculo. A participación nesta iniciativa pode solicitarse tanto nos horarios habituas do despacho de billetes do Salón Teatro como no correo centro.dramatico.galego [at] xunta.gal e no teléfono 881 867 229 (de luns a venres, de 9,00 a 14,30 h.)
 
Elenco feminino
Gena Baamonde dirixiu Neorretranca e posmorriña para o CDG cun elenco integramente feminino do que forman parte Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde. Todas elas interpretan as dúas pezas do espectáculo, coa identidade galega como punto de partida para o desenvolvemento de dúas propostas moi diferentes, tanto deste o punto de vista da dramaturxia como da súa posta en escena e da súa estética, concibida tamén por un equipo maioritariamente feminino.
 
Os billetes para velas sobre as táboas poden mercarse no web entradas.abanca.com, no teléfono 902 434 443 ou no despacho do Salón Teatro, que abre ao público desde dúas horas antes do comezo de cada función. O seu prezo é de 10 euros de xoves a sábado, cos descontos habituais, e de 5 euros os domingos, Día do Espectador na sede do Centro Dramático Galego.

-Máis información
-Venda de entradas