O cantautor Emilio Rúa presenta novo disco na Cidade da Cultura nun concerto con referentes da música como Víctor Manuel e Rosa Cedrón
A actuación no Museo Centro Gaiás o día 21 de setembro, será a primeira da xira de presentación de Duetos, oitavo traballo do músico ourensán
As entradas xa están á venda a través da plataforma web de Ticketea
O concerto, que conta coa colaborción da Agadoc, pecha a programación do Verán no Gaiás, o ciclo de actividades culturais e de lecer para todos os públicos na Cidade da Cultura
A Cidade da Cultura despide Verán no Gaiás cun concerto especial de Emilio Rúa, músico e compositor de Ourense que presenta novo disco ao público o 21 de setembro. Estará acompañado por tres artistas de traxectoria recoñecida: Víctor Manuel, Rosa Cedrón e Vicky Gastelo, cos que interpretará temas de Duetos, o seu último traballo.
O concerto na Cidade da Cultura, programado coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), dará comezo á xira de presentación do que é o oitavo disco editado polo músico ourensán. Duetos é froito de tres anos de traballo, coa contribución dalgúns dos artistas máis importantes da música española. Ademais dos tres músicos que cantarán con Emilio Rúa neste primeiro concerto, participan no álbum referentes como Pablo Milanés, Carlos Goñi (líder de Revólver), Mercedes Ferrer, Javier Ojeda (cantante de Danza Invisible), Soledad Giménez (Presuntos Implicados–) ou Josele Santiago (Los Enemigos). Todos eles reinterpretan cancións de Emilio Rúa en galego e castelán e composicións propias en distintos duetos co artista.
Con este disco, Rúa espera colmar as expectativas dos seus seguidores e darse a coñecer tamén a novos públicos. A actuación no Museo Centro Gaiás, o venres 21 de setembro ás 21 horas, será a primeira oportunidade para escoitar en directo un dos discos máis novidosos e diferentes da música galega dos últimos tempos. As entradas poden adquirise xa a través da plataforma web de Ticketea.
A actuación de Emilio Rúa pon punto e final tamén ás actividades de Verán no Gaiás, a programación da Cidade da Cultura para os meses estivais. Entre xuño e setembro desenvolvéronse un total de 67 actividades de lecer e culturais, ao aire libre e en contacto coa natureza, pensadas para todos os públicos. Durante este último mes aínda é posible gozar de eventos como as Nocturnas, visitas comentadas á noitiña ás exposicións, con música e petiscos, das Visitas Astronómicas ou das andainas Camiño ao Gaiás, coas que descubrir a contorna natural e a paisaxe que leva á Cidade da Cultura.
Emilio Rúa
Emilio Rúa, natural das Vendas da Barreira (Ourense 1976) leva dedicado á música desde os sete anos e conta cunha ampla traxectoria profesional como intérprete e compositor. En solitario ou acompañado da súa banda, levou a música en galego por múltiples lugares de Galicia e España, pero tamén a cidades como Londres, Manchester, São Paulo ou Buenos Aires. Así mesmo, é colaborador habitual en proxectos audiovisuais galegos de cinema e televisión.