O audiovisual galego preséntase no Festival de Cine de Xixón con tres estreas de filmes subvencionados pola Xunta
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu no Teatro Jovellanos á première española de As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns, dentro da competición oficial do certame asturiano
Este xoves será a quenda do documental 360 curvas, seleccionado dentro da sección Esbilla, e o venres terá lugar a estrea mundial de Así chegou a noite, a nova película de Ángel Santos Touza
O audiovisual galego conta cunha destacada representación no 63º Festival Internacional de Cine de Xixón, que acolle as estreas de tres filmes producidos con subvención da Xunta de Galicia. As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns, foi a primeira en pasar por este certame, que na tarde de onte acolleu a première española da que é a segunda longametraxe da directora pontevedresa, mentres que o documental 360 curvas, de Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández, e Así chegou a noite, de Ángel Santos Touza, terán os seus primeiros pases o xoves 20 e o venres 21, respectivamente.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou o equipo de As liñas descontinuas, na súa estrea no Teatro Jovellanos dentro da sección oficial Albar, ademais de asistir ao evento Films from Galicia que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ofreceu na noite de onte para promocionar os tres filmes galegos entre os profesionais acreditados no festival xixonés.
Rodaxes na provincia de Pontevedra
No caso de As liñas descontinuas, esta coprodución encabezada pola compañía galega Sétima viña de celebrar uns días antes a súa estrea mundial na 29º edición de la Tallinn Black Nights Festival, tamén en competición oficial. Rodada integramente en galego en diferentes localizacións de Marín e Vigo, a película de Fazáns inicia así o seu percorrido por diferentes certames audiovisuais, dentro do que o 9 de decembro inaugurará o festival Novos Cinemas de Pontevedra.
Tamén dentro da sección oficial Albar, terá lugar este venres a estrea mundial de Así chegou a noite, do tamén pontevedrés Ángel Santos Touza, que á súa vez será a película de clausura do devandito Novos Cinemas. Matriuska Producciones, Maruxiña Film Company e Amateur Films coproducen esta longametraxe, rodada entre os concellos do Grove, Sanxenxo e Meaño, cun especial protagonismo dos espazos naturais desta zona.
Ambas as dúas contaron para a súa realización con cadansúa axuda a través da liña para produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, mentres que 360 curvas recibiu unha das subvencións para a promoción do talento audiovisual galego.
Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández dirixen este documental, que se estrea o xoves na sección Esbilla, no que recuperan a memoria das protestas veciñais dos anos 90 na Fonsagrada para reclamar mellores servizos e comunicacións fronte á despoboación da zona.