Share

O audiovisual galego prepara 22 novos filmes con 3,5 M€ das subvencións da Xunta á produción e coprodución

  • A concesión de axudas da consellería de Cultura, Lingua e Xuventude abrangue sete longametraxes de ficción e animación, cinco documentais, tres coproducións internacionais, seis curtas e unha serie
  • Quince das obras beneficiarias contan con maioría feminina nas direccións e xefaturas dos seus equipos
  • O 96,7% do importe concedido ás producións susceptibles de seren rodadas en lingua galega corresponde a proxectos en versión orixinal no noso idioma
  • Entre os adxudicatarios están os vindeiros títulos dirixidos por Álvaro Gago, Noemí Chantada, Alba Prol, Fon Cortizo, Coral Piñeiro, Ana Gil, Alba Pino ou Inés Pintor

A Xunta de Galicia adxudicoulles un total de 3,5 M€ a 22 novos proxectos audiovisuais a través da convocatoria anual de subvencións á produción e coprodución, que neste 2026 abrangue como beneficiarias sete longametraxes cinematográficas de ficción e animación, cinco longas documentais, tres coproducións internacionais con participación minoritaria galega, seis curtametraxes e unha serie para televisión e plataformas. A resolución da consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destaca pola presenza feminina nos equipos dos filmes adxudicatarios, con maioría de mulleres nas direccións e xefaturas de 15 proxectos, e polo uso do galego como lingua de rodaxe, xa que o 96,7% do importe concedido ás obras que poden producirse en versión orixinal galega correspóndelles a títulos no noso idioma.

A través desta liña de apoio, xestionada pola Axencia Galega das Industrias Culturais, contribúese á materialización proxectos de ficción, animación, documental e creación seriada, que suman un investimento subvencionable de máis de 12,5 M€. A convocatoria, resolta en réxime de concorrencia competitiva, reforza deste xeito a capacidade produtiva do audiovisual galego, a xeración de actividade industrial e a consolidación de estruturas creativas e técnicas arredor de propostas con vocación de circulación dentro e fóra de Galicia.

Da contía total adxudicada, 2.920.000 euros recaen en obras en versión orixinal galega, o que supón que 17 dos 18 filmes posibles son no noso idioma. En canto á participación feminina, a resolución contén, ademais, a participación de 11 directoras á fronte de obras beneficiarias, con seis longametraxes, catro curtametraxes e unha serie dirixidas por mulleres.

Longametraxes de ficción, animación e documental

A modalidade de longametraxes cinematográficas recibe 2.040.000 euros para sete proxectos. Entre eles figuran os dramas Adeus Berta, ópera prima de Fernando Tato; Os reis imaxinarios, debut na dirección de Eiré Cid; Porto Alegre, novo traballo de Álvaro Gago con guión asinado xunto con Berta Dávila; Lucina, drama-thriller dirixido por Tito López Amado con guión de Rafa Russo; A raíz, da directora Noemí Chantada; e Lito, de Jairo Iglesias, ademais da longametraxe de animación Greta, comedia infantil en stop motion dirixida por Virginia Curiá.

No ámbito documental, a resolución concede 580.000 euros a cinco longametraxes. Son Despois da eclipse, de Alba Prol; Notas entre silencios, proposta experimental de Fon Cortizo; Lebrescura, de Xacio Baños; Cando maduren os tomates, proxecto colaborativo da directora novel Hadriana Casta; e Alan Lomax andou por aquí, sobre a viaxe musical do etnomusicólogo estadounidense, con Borja Casal e Saúl Rivas na dirección e no guión.

A modalidade de coprodución internacional con participación minoritaria galega suma 480.000 euros para tres longametraxes. Trátase de O que resta, do director portugués André Guiomar e coproducida por Zeitun Films e Olhar de Ulisses; Tres días noutra cidade, drama da autora portuguesa Susana Nobre con participación galega de Filmika Galaika; e Vila pequeña (Pueblo Chico), longametraxe de animación en coprodución con Brasil, Uruguai e Italia, con Chelo Loureiro na produción executiva.

Curtametraxes e serie

No apartado de curtametraxes, a Xunta concédelles 120.000 euros a seis proxectos de ficción, animación e documental, con 20.000 euros para cada un deles. As obras apoiadas son O navegante son eu, documental experimental dirixido por Coral Piñeiro; Wólfram, de Ana Gil, cunha viaxe íntima á memoria familiar e mineira; Unha bágoa, curta de animación de Martín Romero; A pequena cacola, tamén de animación e asinada por David Fidalgo; Elena vive dentro dun espello, drama dirixido por Alba Pino; e Bailar en novembro, proposta de drama e fantasía con guión e dirección de Amanda Seijas.

A resolución complétase coa concesión de 280.000 euros á serie O asasino do pelo roxo, a partir dunha idea orixinal de Zaza Ceballos, con guión de Lidia Fraga, Pablo Tobías e Virginia Yagüe e dirección de Inés Pintor. A produción desenvolverase en versión orixinal galega e terá localizacións en Santiago de Compostela e a súa contorna.

Coa adxudicación destas axudas, o Goberno galego, que lle dedica este ano un investimento global de 8 M€ en subvencións ao sector, dálle continuidade ao seu apoio á produción audiovisual como un dos eixos estratéxicos das industrias culturais, atendendo á diversidade de formatos, á presenza da lingua galega, á incorporación de novas autorías e ao fortalecemento dun tecido profesional con capacidade para xerar actividade económica, emprego cualificado e proxección cultural.


  • Fotograma da rodaxe do filme 'As liñas descontinuas', de Anxos Fazáns, beneficiaria das axudas en anteriores convocatorias.