O 34º Festival de Jazz de Lugo presenta un programa con 23 concertos e unha ‘jam session’
A asociación Escobijazz presenta un programa no que case a metade dos proxectos son galegos e onde tamén hai espazo para varias propostas lideradas por mulleres
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude contribúe ademais con cinco recitais no Club Clavicémbalo, que se integran na carteleira da Rede Galega de Música ao Vivo
O Círculo das Artes e a Casa do Saber completan os escenarios desta cita internacional que se celebra do 1 ao 17 de novembro
A Xunta de Galicia colabora un ano máis coa Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz para a organización do Festival de Jazz de Lugo, que celebrará a súa 34ª edición do 1 ao 17 de novembro cun cartel no que as propostas galegas dialogan no mesmo plano con formacións procedentes de Estados Unidos, México, Italia, Líbano, Corea e do resto de España; e onde destacan tamén as propostas femininas, menos habituais dentro deste xénero.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, interveu hoxe na presentación do programa completo do festival, que inclúe 24 citas en tres escenarios da capital lucense: o Club Clavicémbalo, a Casa do Saber e o Círculo das Artes. Neste último espazo tivo lugar esta mañá o anuncio da 34ª edición, no que tamén participaron representantes de Escobijazz e do resto de entidades e institucións implicadas.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude referiuse ao apoio da Xunta aos festivais galegos de música, non só como fins en si mesmos senón tamén como medios para alentar o traballo dos intérpretes e a implicación dos espectadores. “Neste contexto, o Festival de Jazz de Lugo xoga un papel de referencia, sobre todo por se centrar no ámbito especializado do jazz como xénero musical, pero tamén por actuar como un foco máis de atracción cultural para Lugo e a súa contorna, e mesmo por se desenvolver cronoloxicamente fóra do circuíto habitual de festivais de verán”, expresou.
Jazz galego
Tamén felicitou á organización do encontro, con Alberto Grandío á fronte, polo importante labor que están a realizar respecto á difusión dos intérpretes e compositores galegos de jazz. Neste sentido, destacou o bo momento que vive o jazz no noso territorio e reflectido na programación do festival lucense. Así, este ano case a metade dos proxectos son galegos e na que cinco dos concertos están apoiados desde a Rede Galega de Música ao Vivo que cofinancia a Xunta de Galicia. Trátase das actuacións no Club Clavicémbalo do cuarteto vocal Ejazz; o Drumless Trío, formado por Abe Rábade, Marcos Pin e Alfonso Morán; Martín Otero a dúo coa coreana Ju Young, Inés Carreño, e o proxecto Daydream Sessions, unha proposta artística colaborativa que convida á participación espontánea para tomar parte nun espectáculo aberto a multitude de sons como o neosoul, o hip hop, a música latina, ou rock alternativo, interpretados en clave de jazz.
Ademais dos concertos da Rede impulsada pola Xunta, a participación galega complétase co lucense Kiki Cortiñas, a Savoy Club Big Band, Charo Quicler Octeto co espectáculo The Magic Line, Pablo Sax Cuarteto presentando o seu disco Selene, e o Terra Nova Brass Ensemble.
Grandes nomes internacionais
Todos eles compartirán cartel con coñecidos nomes do jazz internacional, onde destacan as sete bandas procedentes dos Estados Unidos: a da saxofonisa, cantante e compositora Lakecia Benjamin Quartet; o grupo de jazz fusión Bill Evans & The Vans Band All Stars; o singular son de Soul Chemistry enfrontando os saxos de Vicent Herring e Erena Terakubo; a compositora e directora de big bands, Maria Schneider diante da Clasijazz Big Band; a singularidade musical de Federale; o influente trompetista da escena do jazz internacional Jeremy Pelt Quintet; e a voz de Kenny Washington acompañado dos cataláns Ignasi Terraza Trío. Cerrando o cartel internacional actuará o Crossing Quartet, integrado polo mexicano Hugo Fernández, o libanés Tarek Yamani e os italianos Giacomo Tagliava e ugo Alunni.
Desde o resto do Estado o festival recibirá varias propostas con base nas illas Canarias, como a do versátil baixista Tana Santana Quinteto mesturando flamenco e jazz; o virtuoso guitarrista Iván Rojas, que fará dúas sesións o venres 8 e o sábado 9 coa súa formación New Quartet, e o jazz enlazado co folclore lationamericano na música do cuarteto liderado polo contrabaixista Martín Leiton. Por último, desde o Mediterráneo español chegará o violín da novísima Èlia Bastida Trío (Cataluña), e do quinteto encabezado polo trompetista Pepe Zaragoza (Valencia).