Share
O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación do programa escénico do concello e visitou o novo espazo membro do circuíto cultural da Xunta

Negreira incorpora o Auditorio Afonso Eanes do Cotón á Rede Galega de Teatros e Auditorios coa programación de cinco espectáculos

A carteleira arranca a próxima fin de semana coa representación de Unha inimiga do pobo, adaptación do dramaturgo noruegués Henrik Ibsen a cargo de Talía Teatro e galardoada nos últimos Premios María Casares

Tamén se ofrecerán as montaxes de Malasombra e De Ste Xeito Producións e as dirixidas a público familiar de Xarope Tulú e Elefante Elegante

O Auditorio Afonso Eanes do Cotón estréase a próxima fin de semana como escenario da Rede Galega de Teatros e Auditorios coa peza de Talía Teatro Unha inimiga do pobo, que se representará o sábado 25 de xaneiro ás 21,00 horas. O Concello de Negreira incorpórase así ao circuíto de espectáculos promovido polo Goberno galego en colaboración coas entidades locais asociadas, cunha programación que levará á vila durante os próximos meses outras catro propostas escénicas producidas en Galicia.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visitou esta mañá o Auditorio que leva o nome do trobador medieval nado na vila, onde fixo entrega dunha placa que identifica o espazo como escenario da Rede, sumando 293 butacas ao total de 18.375 coas que conta neste momento o circuíto cultural autonómico. O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que participou na presentación do programa canda o produtor de Talía Teatro, Artur Trillo, subliñou a importancia da colaboración entre institucións para ofrecerlle ao público espectáculos de primeiro nivel feitos en Galicia e avalados gran parte deles polas subvencións á creación escénica da Xunta. Son os casos de tres das cinco propostas que se inclúen na programación nicrariense: Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro, que contou con axuda na categoría de teatro, e Testosterona, de Malasombra Producións, e Kyoki, de Elefante Elegante, apoiadas na modalidade de actividade escénica plurianual.

Tamén fixo fincapé en que ser membro da Rede Galega de Teatros e Auditorios supón a certificación como espazo plenamente dotado en canto a equipamentos técnicos e xestión profesional, “dous aspectos que favorecen o feito escénico no país tanto para os artistas como para o público”, especificou.  

Unha revisión galega do clásico de Ibsen

A compañía Talía Teatro abrirá o programa da Rede en Negreira con Unha inimiga do pobo, mellor espectáculo nos últimos Premios María Casares, que sobe ás táboas do Auditorio Afonso Eanes do Cotón o sábado 25, ás 21,00 h. A versión galega da obra de Henrik Ibsen dirixida por Tito Asorey traslada a historia á Galicia actual para abordar o contexto hostil e a gran presión á que se ven sometidas as emocións humanas a raíz da desinformación, as redes sociais, a crise ecolóxica e o sistema neoliberal.

As seguintes montaxes que poderán verse na vila no marco desta carteleira son dúas propostas con perspectiva de xénero. O venres 14 de febreiro, ás 21,00 h., Malasombra Producións representará a obra da dramaturga mexicana Sabina Berman Testosterona, con foco no machismo e na desigualdade; e o venres 14 de marzo, ás 21,00 h., De Ste Xeito Producións levará ao palco Feminíssimas, unha creación colectiva de Esther F. Carrodeguas, Noelia Blanco, Stephy Llaryora e Xavier Castiñeira, coa amizade como fondo e o feminismo como forma a partir do reencontro de tres amigas da adolescencia nun congreso feminista en Vigo tras anos sen verse.

Programa para o público familiar

Negreira tamén contará con dúas funcións de teatro para gozar en familia. O sábado 22 de febreiro Xarope Tulú porá en escena A teteira de Kabul, unha obra de teatro de obxectos e monicreques que fala do valor da paz a través da historia de Mina, unha nena afgá que abandona o seu fogar como consecuencia da guerra para emprender xunto á súa familia unha longa viaxe na que a súa nai lle vai contando historias que ela garda nunha teteira. Con autoría e dirección de Nicolás Zamorano e Atenea García, a peza está baseada no conto homónimo de Carolina Pujadas e é unha coprodución coa ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz.

A programación deste primeiro semestre pecharase o 26 de abril con outra proposta para público infantil e familiar:  Kyoki, da compañía Elefante Elegante, que aborda a memoria, a vellez, a demencia, a soidade e da dura tarefa de coidar as persoas maiores e enfermas. A través dunha linguaxe xestual impulsada pola interacción constante co dispositivo escénico, a peza evoca múltiples situacións e personaxes que dun xeito ou doutro todas as persoas podemos recoñecer.

Máis de 340 representacións en Galicia

A Rede Galega de Teatros e Auditorios programa ata a o vindeiro mes de xuño 343 funcións de artes escénicas e musicais nos escenarios de 41 concellos das catro provincias galegas. A Xunta impulsa e coordina este circuíto, que constitúe un dos principais mercados de distribución cultural para facerlle chegar ao público os espectáculos producidos no país de xeito profesional. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, dispón para todo 2025 un orzamento de 1 M€ destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte, coas que se configuran dúas programacións semestrais.