Share

Máis de 100.000 persoas gozaron da música galega no Festival Intercéltico de Lorient

A actuación de Mercedes Peón pechou na noite de onte o Ano de Galicia, que o histórico encontro bretón celebrou durante a súa 49ª edición co apoio da Xunta

Uns 300 músicos e bailaríns dunha vintena de formacións artísticas protagonizaron os 66 concertos galegos inseridos tanto no cartel oficial como no pavillón de Galicia, integrando unha das nosas delegacións máis numerosas dos últimos anos

Máis de 100.000 persoas gozaron da música galega no Festival Intercéltico de Lorient
Máis de 100.000 espectadores asistiron desde o pasado 2 de agosto aos 66 concertos protagonizados por grupos e artistas galegos durante 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient, na que este histórico encontro da cultura celta celebrou o Année de la Galice (Ano da Galicia) coa colaboración da Xunta.

A actuación de Mercedes Peón na noite de onte pechou esta participación galega, que tivo un gran protagonismo tanto dentro da programación oficial do evento como na promovida pola Consellería de Cultura e Turismo no pavillón de Galicia en Lorient, que recibiu máis de 50.000 visitantes durante os últimos nove días.

Uns 300 músicos e bailaríns dunha vintena de formacións integraron a que é unha das nosas delegacións artísticas máis numerosas dos últimos anos. Dela formaron parte algúns dos nomes máis internacionais da nosa música, como Carlos Núñez ou Milladoiro, xunto con artistas que están a renovar a nosa tradición musical, como Davide Salvado, Xosé Lois Romero e Aliboria, Talabarte ou Tiruleque, e agrupacións que, como Xacarandaina, traballan día a día na súa recuperación, mantemento e difusión.
 
Galicia foi, por exemplo, a protagonista do concerto inaugural do festival, Os camiños de Breogán, un espectáculo sinfónico de música e danza tradicional coa participación de 130 artistas, que recibiu unha gran ovación do público que encheu o pasado día 2 o Théâtre de Lorient. A el asistiu o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, quen tamén participou en diferentes accións de promoción de Galicia como destino cultural e turístico, coa ollada posta na celebración do próximo Xacobeo 21.
 
75.000 persoas no Gran Desfile
Así mesmo, a presenza galega deixouse sentir con forza polas rúas de Lorient da man da Banda de Música Municipal de Silleda, a Banda de Gaitas de Forcarei, Xacarandaina e Invernía durante o Gran desfile das nacións celtas, que congregou máis de 3500 artistas de Asturias, Bretaña, Cornualles, Escocia, Illa de Man, Irlanda, Gales e Galicia, e foi seguido en directo por unhas 75.000 persoas. Igualmente, os artistas galegos tiveron un papel principal tanto nas Noites Intercélticas, onde Abraham Cupeiro, Xacarandaina, a Banda de Gaitas de Forcarei e Invernía se presentaron no estadio de Moustoir con capacidade para 15.000 espectadores, e especialmente, na Gran Noite de Galicia do día 5 con Xosé Lois Romero e Aliboria, Tiruleque e os artistas do espectáculo Os camiños de Breogán.
 
Ademais dos concertos e espectáculos incluídos no programa oficial do 49º Festival Intercéltico de Lorient, desde o pavillón de Galicia reforzouse a promoción da nosa cultura con outras 56 actuacións, que supuxeron máis de 120 horas de música en directo, e con diversas actividades lúdicas, formativas e de difusión. Así, a grandiosidade da Ruta Xacobea amosouse desde este espazo a través da exposición O Camiño de Santiago. Unha experiencia contemporánea de peregrinación, na que o fotógrafo monfortino Manuel Valcárcel ofrece un percorrido polo patrimonio natural e cultural, os pobos, as cidades e as paisaxes cos que se atopa o camiñante rumbo a Compostela.
 
Como complemento ao programa artístico, Galicia fixo gala da súa riqueza gastronómica a través da degustación de produtos típicos, ademais de promocionar a súa calidade como destino turístico, en colaboración co Clúster Turismo de Galicia.

-Festival Intercéltico de Lorient