Share
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude asistiu na compostelá Sala de Capitol á gala de entrega dos galardóns impulsados pola Asociación Galega de Empresas Musicais

López Campos sinala a excelencia técnica e artística do sector musical galego demostrada na celebración dos primeiros premios á súa industria

A Xunta de Galicia apoia a organización destes recoñecementos no marco do acordo de colaboración co colectivo que agrupa 56 compañías, artistas e axentes musicais

O obxectivo é poñer en valor e darlles visibilidade a traxectorias e proxectos que son exemplo para o avance profesional no eido musical

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou hoxe o elevado grao de excelencia técnica e artística acadado na actualidade polo sector musical galego, tal como se demostra na calidade dos profesionais e proxectos participantes nos primeiros galardóns organizados en Galicia para recoñecer o tecido industrial neste ámbito. Así o sinalou na gala de entrega dos Premios da Industria Musical de Galicia, unha nova convocatoria de recoñecementos que nace este ano impulsada pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) co apoio da Xunta de Galicia.

No evento, que tivo lugar na Sala Capitol de Santiago de Compostela, outorgáronse os premios ás persoas e traballos distinguidos en 17 categorías. Delas, as 14 outorgadas por un xurado profesional comprenden desde deseños de iluminación, son, provisión de servizos, produción discográfica e de concertos, management, posta en escena, promoción ou programación, comunicación, identidade visual ata videoclips, eventos ou espazos musicais. Ademais, dous dos premios foron decididos co anterioridade pola directiva de AGEM: os que recaeron en Carlos Ares como Artista do ano e no músico e promotor Francisco Gómez “Gandy”, como Persoa do ano, distinción que lle foi entregada sobre o escenario por López Campos. Para a votación do público reservouse o premio á mellor experiencia, que recaeu no festival pontevedrés Surfing The Lérez.

Celebración festiva con Señora DJ

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañaron o conselleiro na celebración da entrega de premios, un acto organizado de xeito festivo e distendido para favorecer a interacción entre todas as persoas asistentes. Estivo conducido pola mediática pontevedresa Tamara García Romero e contou coa pinchada a cargo de Señora DJ para pechar a velada.

Os I Premios da Industria Musical de Galicia son froito da colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con AGEM, colectivo que preside Patricia Hermida e que agrupa na actualidade 59 empresas e profesionais do sector na defensa dos seus intereses respecto á xestión cultural e aos espectáculos vinculados coa música ao vivo.

Os galardóns nacen no marco do plan estratéxico para a industria musical galega e teñen como obxectivos visibilizar e poñer en valor traxectorias e proxectos que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade, e que son exemplo para o avance profesional no eido musical desde unha óptica eminentemente empresarial.  Neste sentido, a súa finalidade é tamén recoñecer valías individuais e colectivas que están a fortalecer a industria musical como motor cultural, social e económico.