López Campos salienta o papel pioneiro do Festival de Cans na difusión e dinamización cultural desde o rural
A Xunta subvenciona a organización deste evento a través da súa convocatoria anual de axudas a festivais audiovisuais, que en 2024 distribúe 300.000 euros entre 10 encontros de referencia no sector
Unha trintena de estreas de curtas e longametraxes, a presenza de David Trueba, a homenaxe a Kepa Junquera ou a entrega do Pedigree de Honra a María Vázquez atópanse entre o máis destacado da programación deste ano
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na presentación da 21ª edición do Festival de Cans, do que que salientou o seu papel pioneiro na difusión e dinamización cultural desde o rural, así como a singularidade da súa proposta no circuíto galego e mesmo estatal de festivais audiovisuais. A Xunta de Galicia volve contribuír ao desenvolvemento do certame porriñés cunha achega de 38.000 euros a través da convocatoria anual para festivais do sector, que en 2024 incrementou a súa dotación nun 33% e distribúe 300.000 euros entre 10 eventos.
O conselleiro, que estivo acompañado do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, felicitou á organización por esta traxectoria e pola programación que preparou para esta nova entrega, de novo cunha ampla oferta tanto cinematográfica como musical. Destacan nela a estrea de 30 curtas e longametraxes, así como a presenza do realizador David Trueba, a homenaxe ao músico Kepa Junquera, a música de The Rapants ou a entrega do Pedigree de Honra á actriz María Vázquez.
O responsable de Cultura do Goberno galego subliñou a capacidade do festival de congregar profesionais das diferentes áreas do sector audiovisual e poñelos en contacto directo cun público que medra cada ano. A forte implicación da veciñanza na súa organización, transformando baixos de vivendas, adegas e alpendres en salas de proxección, é ademais unha das singularidades que explica a súa frutífera andaina.
Máis de 250 proxectos recibidos
Organizado pola Asociación Cultural Arela e dirixido por Alfonso Pato, o encontro conta con cinco seccións competitivas (Ficción, Animación, Furacáns, Videoclips e Novas Camadas), para as que recibiu este ano mais de 250 proxectos.
O programa de 2024 recupera a sección de animación e estrea Cineherdanzas, que descubrirá por vez primeira o legado fílmico de Carlos Asorey, un esquecido cineasta galego dos anos 70. Cans será tamén o escenario para a proxección do filme As neves, de Sonia Méndez, a estrea de nove curtas na sección Ficción e a retrospectiva internacional do colectivo francés Societé Acephale.
A película inaugural deste ano será Alumbramiento, de Pau Teixidor, que se preestrea no festival porriñés e na que participa María Vázquez. A actriz recibirá o seu Pedigree de Honra o día 24, xornada na que se lle entregarán tamén os seus respectivos Chimpíns de Prata ao actor Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, ao debuxante Luis Davila “O Bichero” e á centenaria veciña de Cans Fermina do Pouso.
Música e cine
Como é habitual, a música segue a ser parte fundamental do evento, que este ano ofrece máis de 20 actuacións ao vivo cunha selección de bandas e artistas de Galicia, entre as que se atopan The Rapants, Lontreira ou Combo Paradiso.
Música e cinema cruzaranse igualmente nas intervencións de Susana Seivane, quen presentará o documental Son Seivane; Su Garrido Pombo, co proxecto Patios de Luz, e Antía Muíño, encargada de abrir o programa musical o día 21 de maio para introducir o documental Acordamos, dirixido por outra cantante, Uxía Senlle.
Encontros con artistas e profesionais, obradoiros, un concurso de pintura nas rúas e outras actividades dirixidas a un público interxeracional completan a oferta desta 21ª edición.