Share

López Campos pon en valor o apoio da Xunta ao documental ‘Despois da eclipse (Rumbo ás estrelas)’

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achega 120.000 euros a través das axudas á produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos

A longametraxe reivindica a figura da enxeñeira viguesa Begoña Vila como referente internacional da investigación espacial

A rodaxe desenvólvese entre diferentes instalacións da NASA nos Estados Unidos e varias localizacións galegas coincidindo coa eclipse total de Sol

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe en Santiago de Compostela, acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, na presentación da rodaxe en Galicia de Despois da eclipse (Rumbo ás estrelas). Alí puxo en valor a colaboración da Xunta de Galicia a este proxecto cunha achega de 120.000 euros, ao abeiro da convocatoria de subvencións para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, ao que se lle suma o apoio de Turismo de Galicia no marco do Plan Director de Patrocinios do Xacobeo 2027.

Este respaldo contribúe a facer posible unha produción que combina divulgación científica, creación audiovisual e proxección internacional, ao tempo que reforza a presenza da industria galega en proxectos de grande alcance. O documental, producido por Meteórica Cine en coprodución con Abano Producións, segue a traxectoria da científica galega Begoña Vila durante os días decisivos da misión Nancy Grace Roman, o próximo gran telescopio espacial da NASA.

Durante o acto, López Campos destacou que Galicia conta “cun sector audiovisual cada vez máis sólido e competitivo, capaz de liderar proxectos complexos e audaces coma este, que dialoga cos grandes retos científicos e sociais do noso tempo conectándoos co noso territorio e a nosa identidade”. Neste senso, sinalou Despois da eclipse (Rumbo ás estrelas) como “unha obra con ambición creativa e capacidade para chegar a públicos internacionais desde o talento das nosas produtoras”, ao mesmo tempo que aproveitou para erixir a figura de Begoña Vila como referente para inspirar novas vocacións e achegar a ciencia á cidadanía.

Unha historia entre Galicia e a NASA

Dirixido por Alba Prol, Despois da eclipse (Rumbo ás estrelas) acompaña a Begoña Vila nun momento decisivo da súa carreira, coincidindo coa fase final da misión Nancy Grace Roman, cuxo lanzamento está previsto para finais de agosto desde o Centro Espacial Kennedy. O documental combina a dimensión científica do proxecto espacial cun retrato persoal da enxeñeira viguesa, que xa desempeñou un papel destacado no desenvolvemento do telescopio James Webb, ofrecendo unha mirada sobre a vocación, o esforzo e os retos das carreiras científicas, especialmente no caso das mulleres.

A rodaxe desenvólvese en diferentes instalacións da NASA nos Estados Unidos, entre elas o Centro de Voo Espacial Goddard, o Instituto de Ciencias do Telescopio Espacial de Baltimore e o Centro Espacial Kennedy, ademais de diversas localizacións galegas aproveitando a visita de Begoña Vila para presenciar a eclipse total de Sol visible desde Galicia. Esta circunstancia permitirá incorporar ao filme unha dimensión especialmente íntima e emocional, ligada ao regreso da protagonista á súa terra e ao reencontro coa súa familia e amizades nun momento clave da misión espacial.

Unha coprodución galega con proxección internacional

O documental está producido por Meteórica Cine en coprodución con Abano Producións, compañía distinguida con cinco premios Goya. O equipo complétano, entre outras profesionais, a directora e guionista Alba Prol, a directora de fotografía Lucía C. Pan e a compositora Uxía Caneda.

Ademais do apoio da Xunta de Galicia, Despois da eclipse (Rumbo ás estrelas) conta coa participación de Odisea (AMC Global Media) e da Televisión de Galicia, así como co respaldo do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), consolidando unha alianza institucional e empresarial que reforza a capacidade do audiovisual galego para desenvolver proxectos con vocación internacional.