López Campos louba a “conservación da identidade musical propia” das bandas populares galegas
Na cita, que se celebra desde o pasado venres, participan 15 formacións e un milleiro de instrumentistas
A Xunta de Galicia achega este ano 200.000€ á actividade bandística federada, con 94 asociados nas catro provincias, para reforzar o seu traballo
López Campos pon en valor esta iniciativa “pola visibilización do gran valor cultural que posúen estas agrupacións”
O Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou esta noite no acto de clausura do XVII Certame Galego de Bandas de Música Populares, unha cita que se desenvolve desde o venres no Pazo da Cultura de Pontevedra coa colaboración económica da Xunta de Galicia no marco do seu apoio á actividade anual da Federación Galega de Bandas de Música Populares, integrada por 94 formacións das catro provincias.
Durante a cerimonia, na que se fixo entrega de diplomas e premios ás agrupacións participantes, un total de 15, o titular de Cultura do Goberno galego loubou “a conservación dunha identidade musical propia que cómpre seguir dando a coñecer” poñendo en valor iniciativas como esta “pola visibilización do gran valor cultural que posúen as bandas federadas”.
Neste senso, López Campos lembrou que esta é a cita central do convenio a través do que a Administración autonómica incrementa ata os 200.000 euros a súa achega para reforzar o traballo da devandita federación a prol da música bandística. Esta contía supón un incremento de máis do 40% respecto a 2023 para contribuír tamén á recuperación do concurso CreaSons e dos encontros sinfónicos, así como á celebración do 17º Concurso Galego de Composición e do sétimo Festival de Bandas Infantís e Xuvenís.
O representante da Xunta tamén felicitou ao galardoado co trofeo por toda unha vida adicada ás bandas de música, Antonio Rodríguez, integrante da Banda de Música Municipal de Celanova.
Unha quincena de bandas cun milleiro de músicos
Nesta décimo sétima edición do certame, que por primeira vez se celebrou en Pontevedra, participaron 15 bandas con preto dun milleiro de músicos. Así, contou cunha selección de agrupacións galegas composta por: Agrupación Musical do Rosal, Banda Escola de Música de Beade, Banda de Música Popular Airiños do Morrazo de Moaña, Unión Musical de Coruxo, Banda de Música Unión Musical de Tenorio, Banda de Música Artística de Arcade, Banda Infantil de Lalín, Banda de Música Xuvenil de Xinzo, Banda de Música Municipal de Caldas de Reis, Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia, Banda Xuvenil da Unión Musical de Meaño e Banda-Escola da Banda Municipal da Estrada.
Xunto a elas, actuaron no certame tres bandas de prestixio de fóra da nosa Comunidade: a Banda Filarmónica de Amares de Portugal, a Banda Infantil Maestro Lupi de Benavente e a valenciana Banda Xuvenil da Societat Artística Musical d’Alginet.