López Campos gaba a contribución do Ourense Film Festival ao prestixio de Galicia nos certames audiovisuais
O representante do Goberno galego destaca o labor desta iniciativa como plataforma de difusión da produción galega, ademais da actualidade creativa internacional
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu no Auditorio Municipal de Ourense á gala inaugural da 31ª edición do Ourense Film Festival (OUFF), onde tivo a oportunidade de gabar a contribución desta cita, que conta co apoio económico da Xunta, ao prestixio de Galicia nos certames audiovisuais de carácter competitivo, xa que se trata do máis antigo da Comunidade.
O representante do Goberno galego estivo acompañado nesta cerimonia polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil. Na celebración fíxoselle entrega de tres dos galardóns desta edición: a Calpurnia de Honra ao actor Javier Gutiérrez, o premio Chano Piñeiro ao produtor galego José Manuel Lorenzo e o premio AISGE á actriz Uxía Blanco. Tras a gala, proxectouse Las ciegas hormigas, película dirixida por Igor Legarreta, coa que arrancou a programación de proxeccións do festival.
O OUFF chega a esta edición como o festival de cine competitivo máis lonxevo de Galicia. A súa programación combina as seccións oficiais Internacional, Panorama Galicia e Curtametraxes con outras actividades arredor da creación audiovisual, ao tempo que ofrece un espazo para a difusión do cinema galego e o encontro entre profesionais e público.
Neste senso, López Campos salientou que a Xunta contribúe á organización deste certame no marco da súa planificación para impulsar os festivais estratéxicos do sector e puxo e valor o seu labor como plataforma de difusión da produción audiovisual galega, a través dunha serie de seccións específicas que conviven con outras de carácter internacional.