Share

La Fábrica de Chocolate de Vigo estrea co apoio da Xunta un sistema de son para a inclusión de persoas con discapacidade auditiva

O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, participaron na presentación deste bucle magnético para facilitar o goce da música mediante audífonos ou implantes cocleares

A instalación deste dispositivo marca un fito no acceso á música ao vivo por parte deste colectivo nas salas de concertos galegas
 

La Fábrica de Chocolate Club, en Vigo, convértese co apoio da Xunta na primeira sala de concertos galega en contar cun sistema de son para facilitar a accesibilidade das persoas con discapacidade auditiva á música ao vivo. Este dispositivo, denominado bucle de indución magnética ou bucle magnético, converte as ondas sonoras en sinais eléctricos que poden ser captados a través de audífonos ou implantes cocleares.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Jacobo Sutil, e a directora xeral de Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social e Xuventude, Begoña Abeijón, participaron hoxe na presentación deste novo sistema xunto co responsable de La Fábrica de Chocolate, Marcos Vázquez.

Sutil encadrou o apoio á posta en marcha desta tecnoloxía nos obxectivos de inclusividade, accesibilidade, participación e diversidade no ámbito cultural que persegue a Xunta de Galicia a través de diferentes iniciativas e, en especial, coa futura Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, “chamada a protexer e garantir este dereito de toda a cidadanía”.

Iniciativa pioneira nas salas de concertos

O responsable de Industrias Culturais felicitou a La Fábrica de Chocolate por situarse á vangarda na aplicación deste dispositivo nas salas de concertos de Galicia a través dun novo proxecto apoiado pola Xunta, que desde hai anos vén contribuíndo á súa programación musical como parte da Rede Galega de Música ao Vivo.

Así mesmo, animou os responsables dos recintos culturais galegos á implantación deste tipo de sistemas inclusivos, para os que este ano volverán ter á súa disposición a convocatoria de subvencións a infraestruturas culturais.

Pola súa banda, a directora xeral de Persoas con Discapacidade sinalou que Galicia volve a ser exemplo de inclusión e agradeceu aos responsables deste proxecto a súa implicación na construción dunha sociedade mellor. Lembrou que coa colaboración de todos, a nosa Comunidade é cada día un lugar máis agradable no que vivir e no que as persoas con discapacidade poden realizar o seu proxecto de vida de forma plena, libre e autónoma.

Funcionamento

Unha vez que as ondas sonoras se converten en sinais eléctricos, o bucle magnético simplifícaas para envialas a unha bobina chamada indutor e xerar unha corrente en resposta que pode ser captada por audífonos ou implantes cocleares coa posición ‘T’ seleccionada.

Con esta tecnoloxía, identificada cun cartel visible ao público na propia sala, o son dos altofalantes chega aos audífonos e implantes sen perda de calidade e sen interferencias como a reverberación, o ruído ambiente ou a distancia respecto dos emisores de son.