Share
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude fixo entrega do galardón ao mellor festival

José López Campos comparte co sector musical a celebración do talento galego na gala dos Premios Martín Códax

A asociación Músicas ao Vivo organizou a undécima edición da convocatoria, para a que contou de novo co apoio económico da Xunta de Galicia

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu en Pontevedra á gala de entrega dos 11º Premios Martín Códax da música onde acompañou ao sector neste acto de recoñecemento aos mellores proxectos artísticos e profesionais nas 15 categorías convocadas. En concreto, o responsable de Cultura do Goberno galego fixo entrega do galardón ao mellor festival, que recaeu na cita As Nosas Músicas, que naceu en 1996 na parroquia estradense de Couso da man da Asociación A Xesteria, como un festival en homenaxe á música tradicional galega.

No marco da súa liña de cooperación e diálogo cos distintos colectivos asociativos das industrias culturais, a Xunta colabora economicamente con Músicas ao Vivo na organización deste certame desde a súa primeira edición co fin de contribuír á proxección social do talento artístico e da capacidade profesional da música de Galicia. Neste mesmo sentido, López Campos compartiu co sector esta celebración conxunta no Pazo da Cultura pontevedrés, á que tamén asistiron o delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil.

O músico Xurxo Souto foi o encargado de dirixir e presentar, acompañado da banda Xangai, a gala na que se deron a coñecer os nomes dos 15 proxectos premiados este ano, aos que optaban 57 finalistas. Entregáronse, así mesmo, os tres Organistrum, que destacan unha sala, un festival e un espazo de comunicación musical, ademais da categoría extraordinaria para artistas emerxentes.

Unha das principais novidades desta 11ª edición foi o cambio no proceso de votacións, que se abriu ao público xeral na segunda volta. No reconto final, estableceuse unha regra de baremación na que o 50% corresponde á votación do público e a outra metade aos votos das socias e socios de Músicas ao Vivo.