Impulso a 10 novas creacións de danza contemporánea e artes vivas en colaboración co programa ‘Residencias Paraíso’
O Consello autoriza a sinatura dun convenio co Colectivo RPM para financiar con 30.000 euros a décima edición destas estadías artísticas
Increméntanse ata 10 o número de proxectos seleccionados de Galicia, do resto de España e de Portugal entre o total de 209 recibidos pola organización
O Salón Teatro, a Cidade da Cultura de Galicia e as instalacións da illa de San Simón serán algunhas das sedes de acollida
O Consello da Xunta autorizou a sinatura dun convenio coa asociación cultural Colectivo RPM para continuar co financiamento por parte do Goberno galego de Residencias Paraíso, programa de estadías artísticas dirixido a impulsar a investigación e a creación na danza e as artes vivas a través do impulso a 10 novos proxectos. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantense deste xeito como principal entidade colaboradora desde a posta en marcha desta iniciativa en 2017 e achégalle para a súa organización 30.000 euros, a mesma cantidade que en 2025.
A convocatoria da organización recibiu este ano un total de 209 proxectos, a cifra máis elevada da súa historia, entre os que seleccionaron 10 propostas, dúas máis que nas edicións precedentes, que traballarán nas distintas sedes residenciais entre maio e outubro deste ano. A Cidade da Cultura de Galicia e o Salón Teatro, en Santiago de Compostela, súmanse tamén un ano máis como espazos receptores, xunto coas instalacións da illa de San Simón, na ría de Vigo, onde se desenvolverá un encontro conxunto do 18 ao 20 de setembro.
Actividade nas catro provincias
Así, os galegos Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo mergullaranse nun proceso de creación titulado Asoballada por fentos no Pazo da Cultura de Carballo. No Vello Cárcere de Lugo terán lugar dous proxectos: a arquitecta e coreógrafa madrileña Blanca Gómez Terán investigará sobre Como cuando el pelo se eriza e o músico e o artista performativo asturiano Óscar Bueno desenvolverá La excitación del paisaje: La roca blanda / Parte II – La conferencia montañera. Na residencia combinada entre La Fábrica (Oleiros) e Espazo RPM (A Coruña), o bailarín e coreógrafo canario Darío Bardam afondará na creación de Phantom.
Na residencia en Artistea (Ponteareas), o colectivo galego–navarro Disiden.Cia, formado polas bailarinas e coreógrafas Martina Los Arcos e Marcia Vázquez, traballará na pezaBotar de menos o futuro. O bailarín e coreógrafo galego Fran Martínez desenvolverá o proxectoTransfixiónnunha residencia situada no Convento de Santa Clara, no marco da Bienal de Artes Vivas de Pontevedra. Na estadía na Casa da Cultura de Vimianzo, complementada cunha residencia técnica no Pazo da Cultura de Narón, estará o bailarín e creador galego Jandross Rodríguez, que traballará no proxecto Suksen. Pola súa banda, o artista brasileiro–portugués Pedro Vilela investigará no proceso de creación de Zoombies na Igrexa da Madalena, no marco da colaboración coa Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.
Finalmente, a residencia combinada entre a Cidade da Cultura e o Salón Teatro-Centro Dramático Galego acollerá dous proxectos. Por unha parte, o equipo multidisciplinar formado pola compositora BFlecha, o produtor musical Mwëslee, a cineasta Diana Toucedo e os artistas performativos Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld, desenvolverá o proxecto Stratos (La piedra siempre estuvo allí). Por outra, os investigadores e artistas galegos Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü traballarán sobre Monxa Millo Sentinela.
O financiamento por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, insírese na continuidade da execución dos obxectivos estratéxicos do Plan Integral para a Danza de Galicia, que establece como prioritario o incremento e a diversificación dos programas de residencias artísticas en Galicia. Nesta mesma liña, mantéñense vías de colaboración con outras iniciativas que facilitan este tipo de estadías, como Atopémonos Bailando, Festival Abanea ou Da Man.