Gena Baamonde dirixirá a nova produción do CDG a partir de dúas pezas de Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponte
A Agadic publica hoxe no seu web as bases do proceso de selección de 10 actrices e actores para o novo espectáculo do Centro Dramático Galego, que se estreará o 11 de abril baixo o título xenérico Neorretranca e posmorriña
Ábrese desde mañá e ata o 19 de decembro o prazo de solicitude para participar nesta convocatoria da unidade de produción teatral da Xunta
Neorretranca e posmorriña será o título da próxima produción propia do Centro Dramático Galego, que dirixirá Gena Baamonde a partir dos textos Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se se lle dá publicidade á convocatoria do proceso de selección das 10 actrices e actores que porán en escena o novo proxecto da compañía pública, con data de estrea prevista para o 11 de abril.
A reflexión sobre a identidade galega é o común denominador de ambas as obras como resultado da participación dos seus autores na primeira edición do grupo de traballo DramaturXa, coordinado polo escritor e director teatral Manuel Lourenzo. O CDG puxo en marcha esta nova iniciativa a primeiros de 2018 no marco do seu programa Dramaturxente de apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea, en colaboración coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGa.
Bases
Segundo as bases publicadas no web da Agadic, os intérpretes interesados en optar ás 10 prazas de actrices e actores convocadas –catro con categoría de protagonistas e seis de principais– teñen de prazo desde mañá e ata o mércores 19 de decembro para presentar as súas solicitudes xunto con toda a documentación requirida.
Para seren admitidos, os aspirantes deben cumprir unha serie de requisitos, entre os que se atopa o do coñecemento e dominio do idioma galego no ámbito cotián e artístico, ben acreditándoo mediante certificación oficial, ben solicitando unha avaliación lingüística específica.
O proceso de selección constará de dúas fases. A primeira delas será eliminatoria e consistirá nun baremo dos méritos profesionais dos aspirantes. Para esta valoración, na que se poderán obter ata 20 puntos, teranse en conta as capacidades interpretativas para espectáculos teatrais (titulación, cursos de formación, interpretación en espectáculos profesionais e afeccionados de artes escénicas, premios...), así como a achega de materiais audiovisuais a través dun videobook de resumo dos traballos en artes escénicas e audiovisuais ou a gravación de traballos puntuais.
Audicións
As persoas que acaden as cinco mellores puntuacións de cada un dos personaxes convocados accederán a unha segunda fase de audicións, con ata 30 puntos en xogo. Neste caso, as probas dividiranse en dúas partes: unha primeira de audición oral/avaliación lingüística e unha segunda de interpretación.
Os textos e indicacións para esta valoración estarán dispoñibles en www.agadic.gal con tempo suficiente para a súa preparación por parte dos actores e actrices que accedan á segunda fase.
As diferentes etapas deste proceso faranse públicas no web da Agadic e no taboleiro das súas dependencias: http://www.agadic.gal/Avisos/detalles/558.
Na imaxe, Gena Baamonde.